Santiago de Compostela 25 de Xullo 2009

Santiago de Compostela 25 de Xullo 2009
Picar para maior información

Sábado, 18 de Julho de 2009

Ferlinghetti e a poética

Da revista "A trabe de ouro", entrementres decido ler na "Carballeira de Santa Susana" en Compostela... fico abraiado ante algúns dos versos do poema "A poesía como arte insurxente", traducido ao galego por Daniel Salgado.
Como peculiar, e particular, poética; rescato algunhas das liñas (ao chou) do escrito en cuestión... e o beatimismo voa por entre as follas, os troncos ou as pisadas.

.

.

-Pon a orella no chan e oe o xiro da terra, o curso do mar, e os laios dos animais agoniantes.

-Sé subversivo, cuestiona constantemente a realidade e o status quo.

-Lembra que "A noite, unhas poucas estrelas" ten máis forza poética ca un catálogo completo de ceos.

-Se un poema ten que ser explicado, hai un fallo de comunicación

Terça-feira, 14 de Julho de 2009

Igrexas bizantinas (Pantánassa, etc.) (Viaxe a Grecia)

Parece incribel. Levamos vistas tantas e tantas igrexas bizantinas que, agora no intre de facer a crónica, xa non lembro nin o nome dalgunha das máis importantes. Na reportaxe gráfica que podedes ollar aquí observades dúas igrexas: a primeira é a chamada Igrexa Pantánassa; templo que pertenceu ao monasterio (monastiráki) que lle deu nome ao barrio. Coñecida como a igrexa "da Morte da Virxe", probabelmente data do século X. Atópase en fronte do metro, no lado este de Plateía Monastirakíou.
A segunda igrexa é unha das máis fermosas de Atenas. Chama a atención o vistoso pórtico decorado con frescos. Unha parella bícase!! Incribel se falamos de Grecia!!
Diversos edificios do centro de Atenas tamén incorporan elementos clásicos na súa construcción, como o que ollamos aquí, e que conserva certas columnas xónicas.

Estamos na hora punta do movemento turístico. Abandonamos a zona. Son as 17:00. Vai moita calor.

Sexta-feira, 10 de Julho de 2009

La oración de Letrán - Carlos Augusto Alfonso

Da viaxe a cuba que fixen co compañeiro Manolo do Río, fai agora 5 ou 6 anos, trouxen algúns libros que considerei de certa relevancia. Entre estes volumes atopábase un exemplar titulado "La oración de Letrán" dun poeta, para min descoñecido, e que se chamaba Carlos Augusto Alfonso.
Agora que ando a remexer entre as estanterías, por asunto de mundanza, atopo o poemario da colección "Pinos nuevos" e, a carón da Praia de Testal abro as súas páxinas; sorprendentes páxinas que baixo o vento deste verán "antituristas" (por sorte) fan que os ollos fiquen abraiados ante o tesouro que durante tanto tempo estivo na miña casa... ignorado e cheo de po.


Radico bajo una sombra
a la que trato de imitar,
a la que no pertenezco
porque no quiero o mejor porque no puedo.
Pregunto: ¿Estás ahí? pero no atino a verla;
su nube me combina,
a mí, que soy suyo en las cartas;
teniendo que ver con los males de estómago
la puntualidad que me encumbra.
Mil metros de intestino me amarran por dentro,
cabeza o cafetera, que nunca estornudan.
En un traje de lozas,
radico y me descuelgo bajo una sombra,
aguantado del pelo y de la dentadura;
aceptado que duerma bajo su escalera,
no deja que me avise,
inciar la palabra que llama los refuerzos.
Kilómetros de intestino me amarran por dentro,
con esa cinta negra me acuesto invencible.

Quarta-feira, 8 de Julho de 2009

Entrevista sobre o Colectivo Literario Sacou

Co gallo dunha ponencia sobre grupos literarios en Galiza para a Universidade de Compostela, Montse Pena Presas envioume unha entrevista que respondín do seguinte xeito:

1a. Considérase pertencente a algún colectivo poético?
R- Actualmente son membro da Asociación Cultural Terra de Outes, aínda que, ben é certo, historicamente pertenzo ao Colectivo Literario Sacou, do que fun cofundador. Este grupo, aínda que morto fai 2 anos, segue existindo en certo modo; as xuntanzas siguen celebrándose, certas actividades tamén, publicacións, etc.
Ademais a pertenza ao Colectivo Sacou é xa un feito identitario. Xa non é tanto un lugar de traballo como unha "marca" para os escritores "sacousos".

1b. Quen serían os membros dese grupo?
R- Os membros de Sacou foron en aumento desde o comezo. Digamos que con "carnet" os membros eran: Xoán García (relato e novela), Oscar Sendón (relato e novela), Ricardo de Barreiro (Pintor e actor), Sergio Figueira (pintor), Manolo do Río (ensaísta), Ramón Blanco (poeta), Iria Lago (relato e poeta), Manuel L. Rodrigues (poeta), Anxo Otero (poeta) e Nacho Suarez (escritor e dinamizador).
Alén do Colectivo Sacou (propiamente dito), había xente da que gostabamos en chamar do "entorno Sacou", e que, incluso chegaron a participar e a votar na toma de decisións do Grupo. Xente como Dani Brión (actor), José Sóñora (actor e dinamizador)... e membros de organizacións "satélite" como o "Grupo Teatral Éteatro" ou a "Asociación Audiovisual Paradiso", entre outros.

2.Cal diría vostede que son os elementos que cohexionan o seu grupo (espazo, poética, idade, mesmos intereses políticos, sociais, etc...) ou es@s
creador@s?
R-Unha das incuestinabeis caraterísticas do Colectivo Sacou era a súa heteroxeneidade. Había unha serie de obxectivos comúns pero, ben é certo, que cadaquen interpretaba eses obxectivos ao seu xeito.
Está claro que a coincidencia física, de todos nós, no espazo das Vilas de Noia e Outes foi determinante, xunto coa idade (aínda que había xente, ao final e no entorno, con idade tan diversas como 15 ou 40 anos). O feito de termos coincidido cursando o 3º de BUP e o COU no instituto foi unha grande casualidade.
A ideoloxía política maioritaria era nacionalista e de esquerda; ben é certo que dentro da nosa heteroxeneidade existía grande discrepancia. Había xente que militaba e xente que non... así como xente a quen a política lle interesaba máis ben pouco; pero unha cousa tiñamos en común; a defensa e dignificación da Cultura Galega nun momento de "anos escuros" na nosa comarca.

3. Cal é, se é que a hai, a súa postura grupal ante a literatura galega? E a súa postura individual, coincide coa do grupo?
R- Máis que ante a literatura galega, hoxe compre falar "coa" literatura galega. Sacou foi un grupo moi moi crítico (e concordo plenamente) con algunhas tendencias literarias, pero ollo... non contra "esas tendencias" senón contra a pechazón, por parte dos defensores desas tendencias, a novas alternativas. Semellaba que a industria editorial, certames, entidades canonizadoras, etc... só querían un tipo de literatura... e nós considerabamolo algo ridículo.
Desde a perspectiva que che da o tempo, non sabería dicirche até que punto iso do que falabamos era real; pero eu, persoalmente, hoxe, coido que non é intre de pelexas absurdas entre grupos; compre xuntar esforzos para librar a grande batalla pola defensa do Idioma Galego, e os escritores (aínda que con pouco poder) temos moito que dicir ahí.


4. Antes de seren un grupo, participaron varios de vostedes nos mesmos recitais, revistas, volumes colectivos ou actos conxuntos de calquera tipo? Especifique cales, por favor.
R- Ben, o Colectivo Sacou foi a culminación de outros dous grupos "prehistóricos": o Grupo Literario Avilés e a Tertulia Adamajuana. Este antecedente foi un pouco o campo de probas de Sacou. Evidentemente os recitais, revistas, etc. chegarían despois de existiren o Colectivo. Algúns "sacousos" indican como punto de encontro a revista noiesa "Casa da gramática", pero, persoalmente coido que non é así. Na "Casa" publicaron só algúns membros de Sacou, e daquela xa nos coñecíamos e "A caramuxa" (voceiro do noso Colectivo) andaba de man en man. Sacou foi o producto de recoller os restos da Tertulia Adamajuana que, a súa vez, tomara o relevo do desfeito Grupo Liteario Avilés. Polo camiño foronse sumando incorporacións até o que somos hoxe.

5.Que proxectos inmediatos ten o seu colectivo?
R- Con total sinceridade: os novos proxectos xa non se lle poden atribuír ao Colectivo. Trátanse de traballos persoais curiosamente apoiados polos que eran membros de Sacou. Pero non hai discusión nin consenso. Cada quen traballa a nivel individual. Oscar Sendón e Dani Brión están a crear un proxecto audiovisual que se agarda teña o apoio doutros membros do Grupo a medida que se vaia realizando. Certos actos da presentación do "Orfeu en soños" de Ramón Blanco foron organizados por membros de Sacou. O meu libro, "Antítese nativa", foi corrixido desinteresadamente por Ramón... e cando saia a 2ª edición agardo facer un acto de presentación cos sacousos.
Agora, quero organizar unha xuntanza con Modesto Fraga onde se atope toda a Xente do Batallón Literario Costa da Morte e do Colectivo Sacou.
Unha editora está a piques de nacer ("Acha escrava"), aínda que iso é un proxecto persoal meu pero agardo que sexa un lugar de encontro dos membros do Colectivo, entre moitos outros.

6.Como ve a situación da poesía galega dos últimos anos? Na súa opinión, que é o que achegan como colectivo?
R- Nos últimos anos vimos duas tendencias ben reafirmadas. Hai xente que lle molesta que o encadren dentro dalgunha destas tendencias, pero coido (se falamos de poesía) que son evidentes: Unha delas é a que chamaríamos "poesía de combate ou reivindicativa" (non sei que nome poñerlle); trátase dunha tendencia estilística que toma por referencia a escritores como Benedetti, Neruda, Brech ou Celso Emilio. A outra sería a "poesía feminina, feminista, da reivindicación do feminino, do punto de vista da muller" ou como queiran chamarlle. Non se me molesten, por favor. Ben é certo que os nomes quizais non son os máis correctos pero é unha maneira de definir algo como unha xeración ou un grupo estilístico (e non deixa de ser odioso) que, á súa vez, nega en considerarse tal.
Alén de todo isto hai de todo. A min gústame o termo "outsider" pola liberdade que a palabra contén.
Unha cousa boa destes dous últimos anos é que as diversas tendencias xuntan fíos e diversifícanse. Coido que a situación da poesía galega é boa na emisión pero mala na recepción; non hai lectores nin o máis mínimo interese en facelos, por parte das administracións públicas.


7. A nivel colectivo, participan ou participaron nas iniciativas doutros grupos poéticos? a nivel individual? Indique qué compoñentes do grupo o fixeron e en qué iniciativas participaron.
R- A nivel colectivo por suposto que si. Estivemos (e estamos en parte) en contacto co Grupo Ollo, Grupo Home, Novas Verbas de Negreira, O pozo das ideas de Vigo, Humilladoiro, Grupos poéticos de Cuba, etc...
A nivel individual outro tanto do mesmo; cada quen tira ou tirou para onde puido ou quixo.
Na actualidade moitos dos sacousos abandonaron a creación (caso de Anxo, Xoán ou Sergio) o que para mín é unha mágoa. Outros seguen traballando; Ramón Blanco segue escribindo e publicando poesía, dirixe o suplemento cultural "Letras e Artes". Manolo do Río segue escribindo, publicando ensaio e dando conferencias. No meu caso outro tanto do mesmo. Iria Lago foi durante os dous últimos anos presidenta da Editorial Toxosoutos, Oscar Sendón (como xa dixen) traballa en proxectos audiovisuais con Dani Brión. José Sóñora segue a facer teatro, etc.

Terça-feira, 7 de Julho de 2009

Excursión a Betanzos (Igrexas góticas, Parque do Pasatempo, barcos, etc.)

Esta segunda feira (luns) achegámonos, parte do Colectivo Sacou e amigos até Betanzos co gallo de coñecer a vila e os seus monumentos. Entre moitas outras cousas percorremos o Parque do Pasatempo, as portas da muralla medieval e botámoslle un ollo ás Igrexas góticas do lugar (Sta María, Igrexa de Santiago...). Asimesmo, na reportaxe gráfica, podedes ollar o acontecido durante o percorrido da "cova", e moitas outras lerias. Os protagonistas son Ramón Blanco, Blan, Noriko, Manolo do Río máis eu mesmo. Tomadeo con calma que son unha chea delas...
Co gallo de protexer a intimidade das persoas que de xeito voluntario ou involuntario saen nas fotografías; procedeuse ao rexistro das mesmas (de todo o blog) no Rexistro da Propiedade Intelectual, polo que está terminantemente prohibida a súa copia e distribución sen permiso dos seus autores, que, cederán gostosamente e de balde as imaxes, sempre e cando se solicite, non saian persoas físicas, e se expecifique o uso que se lle vai dar.

Sábado, 4 de Julho de 2009

Nos dominios de Leviatán - Xavier Queipo

Estes días ando impresionado... Teño na mesa de noite (ou a carón das deportivas de camiñar) o poemario de Xavier Queipo editado na colección Tambo da Deputación de Pontevedra; un libro que me agrada demasiado coa "Paixón ou naufraxio" pero que desentona cando pregunta "Que tal se o deixamos, amor?". A opinión lectora lévame a poñer o exemplar nun lugar visibel da estantería. Xuzgade por vós mesmos:


Nun mar laranxa

Que ninguén diga que non fun un home
que soubo, dende sempre, o que lle espera
logo da veladura das pálpebras.

Más alá está o mundo en cores,
bañado nun inmenso mar laranxa,
onde só nadan peixes sen escamas.


................"Nos dominios de Leviatán"
......................................Xavier Queipo

Sexta-feira, 3 de Julho de 2009

Anuncios

Hoxe érgome con estas dúas novas:

--Un grupo de diversos cidadáns e cidadás, á marxe de vocacións políticas, está a artellar unha proposta para recuperar o espazo do galego. Os seus promotores iniciais foron Antón Baamonde e Manolo Bragado (aka Brétemas). A súa finalidade é presentar unha iniciativa lexislativa popular a prol da oficialidade do galego. (picar para ler máis)
.
--A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer unha convocatoria aberta a todas as entidades que teñan interese en formar parte dunha plataforma social en defensa do galego. A xuntanza celebrarase o vindeiro martes 7 de xullo ás 17 horas na Galería Sargadelo de Santiago. Dende a Mesa fan fincapé no carácter plural da convocatoria por que “a lingua a todas e a todos nos afecta, a todas e a todos nos implica”... (picar para ler máis)

Quinta-feira, 2 de Julho de 2009

Biblioteca de Adriano (Viaxe a Grecia)

No meio do barrio de Monastiraki atópase a Biblioteca de Adriano, construída nos anos seguintes ao 132 d.C. Cos seus 122 metros de longo por 82 de ancho, e tamén chamada "Biblioteca das Cen Columnas" é o maior edificio público erguido polo emperador Adriano en Atenas. A entrada principal deste conxunto arquitectónico situado na Ágora Romana, no centro do muro oeste, fica encadrada por duas columnas "in antis" e estaba precedida por un propileo con catro comunas corintias (en restauración na actualidade) e con sete columnas a un e outro lado (que podedes ollar nas fotos). As paredes laterais abarcaban tres "exedras" anchas, no centro rectangulares e semicirculares a cada lado. A biblioteca en sí atopábase ao este do plano cadrangular. Os teitos, segundo Pausanias, estarían fabricados en alabastro decorado con ouro.


Todas estas construccións daban a un patico con preistilo. No centro do patio había un longo e estreito estanque. Sábese que a principios do século V d.C. un grande edificio cadrilobulado con pavimento de mosaico ocupaba a metade deste patio. No século seguinte reemplazouse por unha basílica paleocristiana e no S. XI pola Igrexa Bizantiza da "Megalia panagía".
Todo un luxo para os que pudemos estár alí. Botádelle un ollo ás fotografías.

Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia en Muros

A novena edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia terá lugar este ano no municipio de Muros, entre os días 9 e 12 de xullo (picar para ler máis). Procurarei estar.

Quarta-feira, 1 de Julho de 2009

Juan Carlos Moreno Cabrera - Lingüística e nacionalismo

Polo seu interese deixo aquí mesmo, no blog, este video da conferencia que Juan Carlos Moreno Cabrera levou a cabo na Universidade de Madrid. A algún que outro pode que lle moleste; ogallá sexa certo.

Feira Medieval de Noia 2009

Faltan poucos días para que comece a Feira medieval de Noia. Lembrade que este ano son tres as lúas nas que dita festa ficará entre nós: o 17, 18 e 19 de xullo. Vémonos entre a multitude!!

Xan Bouzada

Non estou a facer unha antoloxía de poetas galegos, nin sequera unha selección dalgúns poemas escollidos ao chou. Estou a ler; e por tanto facendo memoria neste blog daqueles versos que adornan as rúas no intre do noso avance. Xan Bouzada tamén tivo adolescencia, e sorprendeme certa escrita dun rapaz novo que foi. Aquí fica para o disfrute colectivo, con permiso do autor desde o Monte Aloia


Quero morrer
fundirme no chan
pudrirme todo
antre a terra.

Esquecerme da lus
e da choiva,
non lembrar xa
os solpores vermellos
e que de min
o que antes fora eu
naza un carballo...


.......................Xan Bouzada

Terça-feira, 30 de Junho de 2009

Aire tamén é materia - Gonzalo Navaza

Vou dar unha das moitas camiñatas que decote me achegan ao maldito paseo fluvial de San Lázaro en Noia; unhas lousas escachadas polo paso do trator do concello que circula a carón dun Estádio Municipal construído enriba da xunqueira, parte fermosa... Comigo, a Revista Grial e nela unha escolla dos poemas de "Aire tamén é materia" de Navaza. Egreta Garzetta voa ao lonxe... e fico eu cunha imaxe da natureza esquiva e uns versos do autor que tratamos. Que o sendeiro non vos faga perder o norte!!
.
Cartografía básica

Eco de noite antiga este silencio
onde emerxe a memoria doutras horas.
Estadea de fados, mapa
do alento da sombra nas cousas.
Xeografías dos entusiasmos
e das derrotas:
lamiña das acordanzas,
fraga de pedra cantora,
souto dos aparecidos,
ladeira das amargosas,
ponte dos gozos, castelo das penas,
cabalo do mar de fóra.

Sábado, 27 de Junho de 2009

Letras Galegas 2010 - Uxío novoneyra

Que mágoa. Que mágoa que a RAG lixe coa súa teima antireintegracionista as Letras Galegas ano tras ano. Precisamente Uxío é unha das mellores voces da nosa nación mais, dá a casualidade de que no 2010 facía o 100 aniversario do nacemento e o 20 do pasamento de Ricardo Carvalho Calero e, por primeira vez as sete cidades galegas se puxeran de acordo en apoiar a súa candidatura. Enfin... nada novo sobre as cabeciñas... É evidente que a que nunca será merecente do día das Nosas Letras e a propia RAG; a moi real academia que lle nega a Galiza o seu nome, que non protesta (ou faino cando xa non ten remedio) cada vez que o idioma que di representar é atacado, que non dá a coñecer os datos sociolingüisticos no intre no que debe, que recoñece que o "galego está a esmorecerer" (X.R. Barreiro dixit) e deixa que morra...

Mañá falarei de Uxío Novoneyra, pero hoxe... hoxe era o día de Ricardo Carvalho Calero...

Sexta-feira, 26 de Junho de 2009

Jack Kerouac e a derrota

Entre os piores poemas de Cesare Pavese e as gañas de facer obxecto da morada o "Satori en París"; ando estes días.
A evolución de Jack Kerouac, desde aquel primeirísimo "On the road" e posterior "The subterraneans", até o "Big sur", non foi moito diferente do pensamento racional-humano ao que estamos acostumados. Para un lector do beatnik inventor da "prosa espontanea", como é o meu caso, non demasiado especializado nos decorreres técnicos e estilísticos do autor, as tres fases que nos levan polos camiños da súa prosa atopan en si mesmas coa crudel realidade de todas e cada unha das utopías que, por outro lado, son as responsabeis de mover os fíos da especie que somos.
A nostálxia do Jazz (do cold) presente nas súas duas primeiras novelas, o rostro e Mardou cando lle dicía a un perdido pero frenético protagonista iso de "agora que teño un globo xa non te preciso a ti", ou as escapadas polas estradas secundarias da Route 66, forman parte dese comezo espontaneo e eufórico que algún día nós tamén fomos.
Nun segundo encontro abro a porta e no chan fica a portada laranxa do "Dharma Bums", percorro os camiños, xa non tan asfaltados, do cansazo que lle leva ao autor-personaxe a montar en trens sen destino e subir montañas (como podería ser calquera destas que alumean cos puntos bermellos dos viraventos) e a dormir baixo as árbores. A fase bodhisattwa. A Era Zen.
Finalmente, apaño do estante un "Big Sur" (agasallo dun Sacouso) que adianta o despido, xa non de Kerouac senón daqueles que consideraron o vitalismo (un tanto nietzscheano) a forma suprema da vida. Jean-Louis está canso e xa non lle chega con Buda. Nunha breve intención sintoísta "Big sur" comeza a botarlle auga ao lume...
Agora, antes de encargar o "Satori en París" do que falaba ao principio desta entrada, leo a opinión dun crítico, dun opinador ao fin e ao cabo, pero que me serve estupendamente (nunca mellor dito) para porlle fin ao mundo da adolescencia:
"Un viajero cansado de viajar, a un costado de la ruta, haciendo auto-stop junto a los restos de su accidentada leyenda, esperando en vano a que alguien, por favor, lo recoja y lo lleve de regreso a casa". Iso foi, exactamente, o que aconteceu.

Quarta-feira, 24 de Junho de 2009

Monastiraki e o xantar (Viaxe a Grecia)

Deixamos o kerameikós e, procuramos un sitio onde comer. Introducímonos, de novo, no casco ateniense e volvemos pasar por un sitio obrigado para o turista: o mercadillo de Monastiraki. Aos dous lados da estreita rúa dúcias de comerciantes ofrécennos souvenirs, camisolas, réplicas de esculturas clásicas ou cerámica xeométrica... Por un intre faise agradabel non atopar ningún resto arqueolóxico. Por primeira vez desde que estamos na Hélade, tratamos con seres vivos e non con fantasmas do pasado. O alívio derrúbase estrepitosamente. Accedemos a unha praza en reformas; por enriba da valla protectora ollamos un edificio, en restauración, de evidente estilo bizantino. Non quero máis historia; dubido sobre se dita construcción é ou non é unha igrexa... Damos volta e Blan sinala cara un pequeno local hostaleiro de comida rápida.
Tras mirar o que se nos ofrece decidimos coller unha especie de "empanada de grelos ou espinafres" en masa de hoxaldre e con moita especie. Inmediatamente erguemos o campamento e diriximos os nosos pasos cara unha zona do mercadillo onde se expoñen antigüidades e trebellos de segunda man.

Sábado, 20 de Junho de 2009

Museo da Acrópole e The weak force

Ainda non é o intre de asomar os nosos fuciños polo Museo da Acrópole en Atenas. A nosa crónica pola cidade helénica aínda non chegou a ese recinto en construcción no momento da visita. Hoxe, o que é o mesmo que dicir mañá respeito o ano pasado; dito museo abre as súas portas.
Noutra orde de cousas, atentos os viciños da Estrada, lugar onde o vindeiro 23, despois do lumeiro, actuará no Areal a banda "The weak force". Agardemos teñan moita sorte.

Sexta-feira, 19 de Junho de 2009

Bota a andar o "Proxecto CD Antítese"

Como ben sabedes, "Antítese nativa" deixará de ser un libro para trocarse nun disco. Persoalmente penso que o teatro é para ser representado, as partituras para seren interpretadas e a poesía recitada. Este é o obxectivo que, por certo, demos en chamar "Proxecto Cd Antítese". As probas xa comezaron, o traballo de grupo bota a andar. Velaquí a primeira sesión.
Nas fotos que siguen podedes ollar a Bruno G. Traba (técnico de son e voz), a Luís de Vicente (baixista), a Blan Blanco (nova incorporación ao proxecto, con voz) e eu mesmo que, xa me chega con ser o autor do libro e participarei, apenas, nalgún poema, tamén, con voz.

Por certo; a parte de Blan, temos outra incorporación a maiores. Trátase do canario Enrique Mateu, que ofrecerá o seu coñecemento musical e a súa obra do xénero para a laboura que temos entre mans.

Siro López repasa en Noia a historia galega a través das súas caricaturas

Os debuxos poden contemplarse ata o 1 de xullo na sala do Coliseo de Noia (picar para ler máis)

Quinta-feira, 18 de Junho de 2009

Presentación de libro


Esta vindeira 6ª feira (venres), na Casa da Cultura "Antón Avilés de Taramancos" de Noia, ás 20:30 horas: presentación do libro "Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro" de Xoán Carlos Garrido Couceiro. A moderación do acto correrá a cargo de Xoán Francisco García Suárez.

Farei todo o que estea na miña man por estár alí. Para os que non vos sexa posibel asistir, agardo deixar suceso neste mesmo blog.

Quarta-feira, 17 de Junho de 2009

Envío de "Antítese nativa"

Estes días ando a enviar os "Antíteses" solicitados a través do blog. Polo de agora van de camiño a metade dos exemplares, aínda que moitos outros aínda están a espera de que se lles poña o enderezo e selo . Tede paciencia que máis cedo que tarde aparecerá nos buzóns da vosa morada...

Terça-feira, 16 de Junho de 2009

Excursión ao Sur de Galiza (Tuí e Castro de Santa Tegra)

Este pasado luns (2ª feira) decidimos facer unha pequena visita ao Castro de Santa Tegra na Guarda. Parando previamente para comer en Tuí fumos botarlle un ollo á catedral da vila, que posue un asombroso pórtico gótico. O seu interior e tardorománico, más con retablos barrocos. Velaquí un dos "templos-mestura". O claustro do mosteiro que ten adosado é, tamén, románico (con algúns arcos e capiteis góticos) e atópase moi mal conservado. Os folletos que facilitan ao visitante están en exclusivo castellano, como moitos dos carteis públicos da vila, algo que non deixou de sorprendernos por atoparmonos nun asentamento galego situado a un quilómetro da "fronteira" con Portugal.

Tras o xantar achegámonos á Guarda onde pudemos visitar un dos mellores (por non dicir o mellor) castro do noso País. O romanticismo místico-newager que en ocasión asolaga os sentimentos do mantedor deste blog, non evitou a relación entre as pedras e o "Antítese nativa" daquel pobo que foi, e non se sabe aínda se fica ou se xa deixou de ser... A reconstrucción dalgunha das vivendas permiten, ao que alí se achega, penetrar no fogar dos fantasmas e, desde dentro, falar cos antergos que un día viron desaparecer o seu idioma, a súa cultura para dar pé a isto que agora somos... Xunto cos petroglifos, a historia fica en pedra esculpida...
Por certo; bótase en falta algún vixiante que controle a todos os que pasan polo castro, xa que, como en outros tantos sitios, non se respetan os restos e a xente pasa e pisa todo canto atopa por diante...

Co gallo de protexer a intimidade das persoas que de xeito voluntario ou involuntario saen nas fotografías; procedeuse ao rexistro das mesmas (de todo o blog) no Rexistro da Propiedade Intelectual, polo que está terminantemente prohibida a súa copia e distribución sen permiso dos seus autores, que, cederán gostosamente e de balde as imaxes, sempre e cando se solicite, non saian persoas físicas, e se expecifique o uso que se lle vai dar.

Sexta-feira, 12 de Junho de 2009

Alexandra Oliveira - Universos para além do Visível

Fai meses que quero adicarlle unha entrada ao poemario da poeta e amiga Alexandra Oliveira. O seu libro "Universos para Além do Visível. Elementos do sonho - Universes beyond the Visible. Elements of Dream" chegou á miña morada, como agasallo, tras termonos coñecido nesta súa casa. A ilustracción do mesmo corre a cargo de Joseph. Deixovos un poema para lle botedes un ollo e xulguedes por vós mesmos.

De novo me apreendes
dentro do universo líquido

visível
além dos teus olhos
e eu perco-me onde tu
visivelmente
me encontras
quando o teu amor
meu amor
escreve constelaçoes para lá do fundo
visível
do meu deslumbre em ondas
e grava nascimentos de outras ondas em jorros de luz
visivelmente
fluindo do vértice do nosso arroubo
apreendido além de ilimitada
visibilidade...
Agora entérome que, segundo dí a autora no seu propio blog:
* UNIVERSOS PARA ALÉM DO VISÍVEL ~ ELEMENTOS DO SONHO: É com muita alegria que o Joseph e eu partilhamos esta notícia; o nosso livro foi distinguido com uma Menção Honrosa na categoria "Livros de Fotografia" do New York Book Festival - 2009!

Quarta-feira, 10 de Junho de 2009

Tarsila do Amaral, Feria do libro, Catedral e chúvia

Este pasado lúns atopeime con Manolo do Río e Ramón Blanco (do Colectivo Sacou), en Santiago de Compostela. O primeiro acompañado por Noriko, unha rapaza xaponesa que reside no noso país, e que lle botou unha man a Moncho na entrevista a Murakami antes de saír publicada no suplemento "Letras e Arte". O obxectivo a derribar era unha exposición da Fundación Caixa Galicia sobre unha das máis grandes figuras das vangardas latinoamericanas e emblema do modernismo brasileiro. Falamos de Tarsila do Amaral que, con obras como "Antropofagia", "Operarios" ou "A negra", está a sorprender a todos os que visitan o vello edificio do casco antigo da cidade "ben feita". Pola miña parte e, segundo os meus gustos; nada doutro mundo. Deixovos aquí unha mostra do Abaporú.

A feira do libro vello segue no seu descenso constante (cada vez menos postos e menos libros que pague a pena mercar. Ausencia total de exemplares en galego ou português). Por 14 euros merquei unha serie de revistas sobre arte exípcia e grega, e o célebre "A conquista do pan" de Kropotkin (na miña fase filo-anarquista, este libro foi o que me convenceu para que deixase as ideas ácratas a un lado).

Xantamos nun restaurante asiático antes de darlle un repaso á Catedral, facendo o compañeiro Manolo de guía, e pegando a orella diversos turistas que se achegaban a nós cada vez que Del Río abría a boca. Por certo; os turístas seguen tan maleducados e destructivos como sempre. Diante dos nosos propios ollos, unha muller saltou a valla protectora do "Portico da gloria" para lixar coas súas máns a cabeza do Mestre Mateo situada no parteluz. Agardo que, polo menos, se lle pegue a sabiduría do artista, entrementres degusta "unajj buenajjjj langojjjtajjj y un poquitín de tarta de almendrajjjj". Sigo pensando que se lles debería cobrar por entrar nos monumentos.

Sábado, 6 de Junho de 2009

Kerameikós (2ª parte) (Viaxe a Grecia)

Alén das Stoas funerarias das que xa falamos e algúnhas ruínas, non hai moito que ver no Kerameikós. A calor é insoportábel e, entre tanta pedra, comezamos a ter fame e, sobre todo, moita sede. Decidimos dar unha volta rápida polos restos das antigas construccións (por agora, o que máis defrauda de todo canto tivemos a oportunidade de visitar). Ao lonxe, no alto, seguimos divisando a Acrópole, maxestuosa desde calquera parte da Cidade Helénica.

De súpeto un típico animal con cuncha fai ademán de moverse entre a vexetación... O que estamos a ollar é unha Tartaruga Grega, que xunto cos cans (que están en todos os recintos arqueolóxicos) semellan ser os únicos habitantes da arquitectura clásica que aínda fica en pé.

Sexta-feira, 5 de Junho de 2009

Música de cámara

Hoxe, a partires das 21:00 na Igrexa de San Martiño de Noia, o amigo desta casa e colaborador do "Proxecto CD Antítese" Luís Romero acompañará á Orquestra de cámara do Conservatorio da localidade nun concerto de música clásica. Alí habemos estar os membros de Sacou.

Quinta-feira, 4 de Junho de 2009

Saramago (lerias)

Sinto grande simpatía por este home da foto; polas súas obras, os seus romances, os seus relatos... Levo, tamén, uns días dándolle voltas ao maxín sobre se debo ou non perder o meu tempo sacando o título de perfeccionamento dun idioma (o Português) que falo desque era pequeno, e que, anteriormente xa falaban meus pais, meus avós... e que dun xeito, ou doutro, é o idioma que até fai pouco tempo se falaba maioritariamente en Galiza, quer coa normativa da RAG-ILG (os homes que ficaron mudos) quer coa norma AGAL-AGLP. Ninguén pode discutir (algúns aínda o fan) que o Galego e o Português son o mesmo idioma, escriba como se escriba, e coas variantes dialectais típicas de calquera língua.
Hoxe pola mañá, leo na prensa a seguinte nova, de seguido leo estoutra, e tamén estoutra, e pregúntome que é o que lle está a pasar a Saramago; quizabes o Nobel de Literatura comeza a ter síntomas da cegueira que ele mesmo trata nun dos seus romances. Non hai máis que botar un ollo á historia pasada para comprobar cantos pobos e culturas foron exterminados no recén descuberto Novo Mundo (e aínda hoxe). O escritor dí que Catalunya oporíase á entrada de Portugal en España, pero que Galiza se aledaría. Non me sorprende: Galiza, querido Saramago, é unha nación con vocación de suicidio (un pobo con complexo de inferioridade que despreza o seu idioma, a súa cultura e o seu propio destino). O Idioma Galego está a piques de desaparecer, maís, non é o único. No Estado Español atópanse en perigo, tamén, o Asturiano, o Llionés, o Aragonés, o Aranés e, en menor medida, o Euskera, o Catalán e o xa mencionado Galego (ou Português da Galiza, como máis goste). Non debemos esquecernos do Árabe de Ceuta, o Berber de Melilla, ou mesmo o Português falado, pero en grande perigo de desaparición, na Bouça e na Alamedilha en Salamanca; en Valência de Alcântara en Cáceres e en Olivença en Badajoz.
Coido, e non hai que ser moi intelixente, que se en Portugal aínda se fala Português é grazas a que esta nación é independente... Non teña vostede ningunha dúbida de que o idioma Luso estaría agora mesmo na UCI (Unidade de coidados intensivos), se de España dependese a súa supervivencia. Algúns seguimos crendo nun mundo diverso... e teña en conta... vostede que afirma ser comunista; que a emancipación da clase obreira non poderá ter lugar entrementres esa clase teña cosidos os lábios ou falando a língua dos amos.

Quarta-feira, 3 de Junho de 2009

Antón Mouzo no Auditorio de Galiza

Este pasado 31 de maio rematou a exposición que desde principios de ano amosaba no Auditorio de Galiza de Santiago de Compostela, a obra de Antón Mouzo. Certas lembranzas viñeron a miña mente cando comecei a ver árbores, follas ou humus... materiais tamén empregados polo noso queridísimo Giuseppe Penone, aínda que tratados dun xeito completamente diferente. E así falaba o autor desde "Alquimia":

Un espectador colócase ante un cadro. Mirao e vai a outro. Mírao e segue até que marcha. Viu produtos. Hoxe os produtos visuais máis abundantes están feitos para ser consumidos rapidamente. Saia á rúa e observe un momento (é o que fai falta) un cartel publicitario. O que digo entenderase facendo a proba. Pero os cadros dunha exposición non son só un produto. Son unha frase dun proceso que nace para conseguir non rematar nunca totalmente. o xogo consiste en gozar lentamente deste proceso, sempre que interese, claro está. A cousa comeza antes. No propio pintor. Incluso antes, no feito natural e inexorábel de que algúns homes necesiten elaborar imaxes. As imaxes elabóranse non só ao estar ante o cadro, senón simplemente ao vivir. Vivindo iníciase o proceso. O pintor usa imaxes que xa existen e transfórmaas unha e outra vez, participando, pola súa vez, nun longo proceso que, polo que sabemos, comeza nas cavernas. E esas transformacións vanse sumando e multiplicando, coma un xogo alquímico que, coma a alquimia, busca un fin inalcanzábel: e dicir, un pretexto. Importa menos o fin que o proceso.

Terça-feira, 2 de Junho de 2009

Blukk

Remexendo en internet, atopei hoxe isto:
Que é Blukk? Inicialmente dirigido ao público galego, blukk é um portal web que permite aceder de forma rápida e simples a milhões de e-books e livros em galego-português disponíveis nas principais livrarias virtuais e bibliotecas. Tudo a 2 cliques de distância! Blukk é uma ferramenta simples e útil para aceder a todo o conhecimento universal sem depender do castelhano. Adiciona blukk aos teus favoritos! Picar em: http://www.blukk.com/ para entrar.

Domingo, 31 de Maio de 2009

Los Secretos na Coruña

Onte, aproveitando a nosa estadía na Coruña, estivemos no concerto-apertura da nova xira de Los Secretos. Xa nalgunha que outra ocasión a casualidade e a desventura fixera que tanto a banda como eu mesmo coincidísemos na cidade pero, por mal fado do demo, a mesma casualidade imposibilitarame a asistencia ao espectáculo musical que ofrecen.
A actuación foi "perfecta" como se agardaba. Só a aparición dalgún que outro "convidado" que, ao meu xuizo, sobraba (era como querer porlle unha "guinda" podre a unha sobremesa óptima) estragou a posta en escena dos irmáns Urquijo e compañía.
Nun primeiro intre aparece o "Manquita" facendo o indio (que raro) e "castellanizando" o topónimo da Urbe Herculina. De segundo prato, Julián; o cantante de Siniestro Total... que parecía non coñecer a letra da canción limitándose a rosmar polo baixo, a pegar chimpos e a tocar unha maldita, ruidosa e insoportabel harmónica.
Finalmente fixo entrada no escenario Iván Ferreiro que, personalmente considero, desque xa non é pirata repítese disco tras disco. Abraiante, iso si, a intervención de Rosa Cedrón (a ex cantante de Luar na Lubre) que nos sorprendeu a todos coa súa impoñente voz.

E por certo, este tema tamén se fixo escoitar até a saciedade naquela morada ourensana da que xa falei nalgúnha que outra ocasión neste mesmo blog. Que os tempos nos sexan propicios a todos. Un saúdo.

Quinta-feira, 28 de Maio de 2009

A frauta i-o garamelo

Volve saír á luz un libro de Avilés publicado fai medio século
Hoxe, 28/5/2009, en Noia presentarase A frauta i-o garamelo, un título que a moitos lles resultará familiar, posto que se trata dunha reedición dun volume de Antón Avilés de Taramancos. A obra saíu á luz por vez primeira fai medio século e agora o Concello decidiu reeditalo para conmemorar o seu cincuenta aniversario.
No acto participarán Xabier Castro, coordinador e prologuista; Baldo Ramos, ilustrador; un representante da familia Avilés Baquero, o poeta Manuel Álvarez Torneiro, e o alcalde. Farei por estár alí.

Segunda-feira, 25 de Maio de 2009

Kerameikós (Viaxe a Grecia)

Chegamos ao Kerameikós. Este antigo cemiterio data do século XII a.C. A Vía Sagrada ía de Eleusis até Kerameikós e a Panatenaica desde a porta Dípylon á Acrópole. Case todas as tumbas que se conservan están na chamada (loxicamente) Rúa das Tumbas. As esculturas achadas a principios do s. XX fican todas no Museo Arqueolóxico Nacional (que visitaremos) e no Museo Oberlander (situado no mesmo recinto pero pechado no intre da nosa visita).

O que vemos nesta reportaxe gráfica son as copias de escaiola colocadas no seu lugar orixinal, entre as cales identificamos a Estela de Demetria e Pamphile e diversas vasillas funerarias. Unha igrexa bizantina (outra máis), aparece ante os nosos ollos. Quédannos aínda cousas que ver no Kerameikós, pero ímolo deixar para unha vindeira entrada...
Para os que non levades seguindo a crónica da viaxe a Grecia desde o principio, lembrade que picando aquí podedes ollar todo o acontecido até de agora. Un saúdo.

Quinta-feira, 21 de Maio de 2009

...sobre o pobo Mapuche, as Luas e as xemas.

Botándolle un ollo ás diversas novas que rondan os circuitos cibernéticos, sobre poesía, atopo as seguintes palabras de Xúlio L. Valcarcel: "...Hoxe, cunha globalización que pretende chegar coa súa teima uniformizadora e esterilizante aos lugares máis recónditos, os mapuches tratan de conservar a súa identidade. A loita tenaz e admirable deste pobo pola preservación, fronte a tanta e tan aberta hostilidade, dos seus sinais identitarios, a súa encomiable resistencia fronte á sociedade consumista de carácter masificador e homoxenizador, e o papel esencial que nese proceso de afirmación do propio teñen desempeñado con orgullo os seus poetas, explican o porqué deste libro".
Acto seguido, procuro no Youtube algo sobre o tema e topo coas seguintes imaxes.
O caso; que o libro chámase "Lua de Xemas Frías" e está editado por Espiral Maior. Recolle poemas de Elicura Chihuailaf, Graciela Huinao, César Millahueique, Maria Teresa Panchillo e Pablo Huirimilla. Eu xa lle fixen un burato na miña estantería. Pero non quero deixar esta entrada sen deitar no mar unha botella coa seguinte cuestión: "algún de vos cre que o irrenunciabel dereito desta xente á súa autodeterminación como pobo, sería satisfeito por un goberno de esquerdas Chileno, ou pola contra; non soportarían tanto a dereita como a esquerda de Chile a partición da "Sagrada Patria"?

Quarta-feira, 20 de Maio de 2009

poema nº 14 (Antítese nativa)

Mágoa dos páramos
as terras do sílex máis puro
ou as canteiras da nosa creación
urbana.....................(o arrepentimento).

Esta forma de amar; o aborixe do regreso.

A CIDADE
e achar desde os esteiros (ser ti o trauma
humano) un pródigo final
tal
Egretta garzetta
remexe entre as rodas
do infortunio

Terça-feira, 19 de Maio de 2009

Novo disco dos 7 LVVAS

Algo xa se sabía desde fai tempo (o cuarto disco dos luvas andaba de mao en mao). As tentativas por atopalo foran completamente inútiles e, igual ca un paxaro que voa e non se deixa coller, ese anaco de plástico brillante non aparecía. Por fín a banda fantasmal (e nunca mellor dito) decideu poñer en descarga gratuíta todo o album (o único xeito de conseguilo). Para min o suceso é motivo de ledicia pois o són dos seus acordes puxéronlle a banda sonora aos aconteceres daquela mocidade... Por certo o disco chámase "De pé feito".

Domingo, 17 de Maio de 2009

Nin un paso atrás!!

17 DE MAIO.- Máis de 50.000 persoas uníronse en Santiago de Compostela á maior manifestación da historia en defensa do galego (picar para seguir lendo). Foi realmente emocionante, moi emocionante.

Quinta-feira, 14 de Maio de 2009

Manifestación do 17 de Maio pola defensa do Galego en Santiago

O vindeiro 17 (este Domingo) de maio en Santiago de Compostela ás 12 horas desde a Alameda producirase unha manifestación histórica en defensa da lingua que nos une como galegas e como galegos. Para reivindicarmos o dereito básico a podermos vivir no noso idioma propio, o cal debe ser garantido polos poderes públicos. Sairán autobuses desde diferentes puntos de Galiza. Para máis información picar aquí. Eu estarei alí. Non sexas TI quen fique na casa. ...é o noso dereito!

Quarta-feira, 13 de Maio de 2009

O idioma dos mortos

Hoxe saía na prensa esta nova. É preciso un museo, pero dunha vez por todas. Noia conserva o conxunto de laudas gremiais máis importante do mundo; un compendio de "obras de arte" que están a podrecer no adro de Santa María a Nova.
Na nación do esquezo, onde os seus habitantes non teñen memoria, onde a historia é un feito isolado atrapado en calquera estantería de calquera biblioteca, os poboadores deixan de falar e consomen as pinturas de guerra na esmorga matinal dunha cidade morta.

Terça-feira, 12 de Maio de 2009

Unha lingua para todos

A Real Academia Galega convida a afastar a lingua da loita partidaria e buscar un "acordo social integrador". Se ao final aínda vai ser verdade que nesa institución vive algúen... un servidor coidaba que os académicos non existían en realidade e eran simples bonecos "guiñoles" que saían de cando en vez na tele. Mágoa que chegasen tan tarde... (picar para ler máis)

Domingo, 10 de Maio de 2009

O segundo tema é ...22 anos

Certo día de fai unha década atrás; atopábame eu sentado no asento dun recen mercado Skoda Fabia verde escuro, no aparcamento da Facultade de Humanidades (o horrendo edificio enferruxado) de Ourense. Era tempo de mudanzas na cidade recén descuberta e, entrementres agardaba que finalizase a xuntanza de antigos alumnos da maxisterio... fiquei ledo ao comprobar que, ao mellor, aínda algo quedaba por aparecer tras das árbores das seis da mañá. Felices tempos, ou quizais non tanto...

...por certo, nada asomou que nos sorprendera; agás os Burning e este tema que tantas e tantas veces se escoitou posteriormente naquela morada da Rúa Rio Camba; si: onde "ondean as bandeiras e cantan os pavos"

Próximos actos: Día das Letras Galegas

Para sumarnos á conmemoración das Letras Galegas, a nosa Asociación (Terra de Outes) pretende organizar o venres, 15 de maio unha charla de Xabier Castro, profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Virxe do Mar de Noia, sobre Ramón Cabanillas, no 50 aniversario da súa morte; e o sábado, 16, un debate sobre a figura de Ramón Piñeiro, a quen este ano a Real Academia Galega (RAG) adica o Día das Letras Galegas, coa participación de Manuel Caamaño, membro do patronato do Museo do Pobo Galego, da Fundación Pedrón de Ouro e da Fundación Castelao e Xusto Beramendi, catedrático de Historia contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e autor, entre moitos outros, do libro "Historia do nacionalismo galego". Todos os actos terán lugar na Casa da Cultura da Serra de Outes. Agardamos a vosa presenza.

Sexta-feira, 8 de Maio de 2009

Viaxe a Grecia (Resumo do visto ...polo de agora)

Levamos exactamente 17 horas na capital da Hélade. Desque chegamos, onte, ás 8 do serán, soamente pudemos ver, antes de nos deitar, a Biblioteca e a Academia de Atenas. Hoxe, nada mais erguernos, diriximos os nosos pasos, directamente cara a Acrópole ateniense. Pasamos pola Rúa El. Venizelou, pola famosa Plateía Sintágmatos (ou Praza Sintagma), disfrutamos coa vista do Arco de Adriano na Rúa Leoforos Vasilissis... e accedemos ao barrio da Plaka, onde se sitúa a Lanterna de Lisícrates, divisando ao fondo o Monumento de Thrasyllos. Xa no recinto da Acrópole, demos un paseo pola Exposición de Escultura, polas ruínas do Templo Dionisos, da Stoa de Eumenes e do Teatro Dionisos (con confundir co Templo), Teatro Herodes Ático. Tras a costa de subida, vimos os Propileos, o Templo Atenea Niké, o Erecteion e o Partenón e iniciamos o descenso. Na baixada, pasamos polo Museo da Universidade e a Igrexa Bizantina da Metamorfose, para chegar, finalmente á Agora romana coa súa Torre dos ventos e Mezquita Fethiye. No barrio de Monastiraki, entramos na Ancient Ágora onde se sitúa a Stoa de Attalos, a Igrexa dos Apóstolos o Odeón de Agrippa, ou o Templo Hefesteón entre moitas outras ruínas.
Son máis ou menos; as 2 do mediodía... e a pesares da fame, antes de ir comer... diriximos os nosos pasos cara o Kerameikos, do que falaremos nunha vindeira entrada.

Quinta-feira, 7 de Maio de 2009

...sobre a cuestión dunha Rede Popular de Ensino en Galego

Días atrás falei sobre unha nova iniciativa que estaba a coller forma no noso país sobre a educación en galego. A asociación Galiza co Galego, que pretende crear unha Rede de Escolas no Idioma desta nación, culminará o seu proceso constitutivo este vindeiro 17 de Maio en Santiago de Compostela.
Polo de agora ten xa comprometidos 300 apoios dos 3.000 necesarios para que o proxecto vaia adiante. Unha boa opinión é a verquida por Mario Regueira no seu blog. Lembrade que para apoiar o proxecto esta é a web.

Quarta-feira, 6 de Maio de 2009

dous agasallos e un poema

Hoxe recibín, de man de Joe, un vello amigo do Colectivo Sacou, un estupendísimo agasallo. Recén chegado de terras holandesas, recollín das súas mans un marabilloso libro con pinturas e debuxos de Rembrant editado polo Rijksmuseum de Amsterdam. Deixovos una parte do mesmo na ilustración dun poema de "Cantos da seiva" de Xesús Pereiras, o poemario gañador do II Premio Fiz Vergara vilariño, e que, por outra parte, compre tamén dicir que é un outro agasallo, neste caso de Inés Coiradas. Obrigado a ambos. Síntome un tipo cando menos querido, entre tanto obsequio.

É terra o que eu quero
o espírito do granito
a seiva que anima á fera
e translucen as coxas femininas
entre os dedos follas secas de carballo
fentos a abrollar suando cinza
de orixe nos ollos
neste día no que o corazón palpita
arxila

(espiral maior)

(2003)

Terça-feira, 5 de Maio de 2009

...o proxecto avanza

Xa se fixeron as primeiras provas do "Proxecto Cd Antítese". Bruno G. Traba, Luís de Vicente, Blan Blanco e eu mesmo xuntámonos este pasado domingo en Noia coa intención de limpar os aparellos, instalar as máquinas e ver como é a sonoridade da morada onde se grabará o disco.Xan Santos, membro da banda The weak force, foi o primeiro en entregar o seu traballo... Sandra Soria está, pola súa parte, co que lle corresponde e Mariola Soutelo facendo o propio. Diversos temas de Roger Subirana serán incluídos no disco...

Domingo, 3 de Maio de 2009

As letras en Santiago

Este luns estarei na feira do libro en Compostela. Xa deixarei constancia das miñas opinións ao respeito. O martes procederei a enviar, por correo, os exemplares do "Antítese nativa" que os lectores solicitáchedes a través deste mesmo blog.
Noutra orde de cousas; hoxe domingo faranse, en Noia, as probas de son para a grabación do "proxecto Cd Antítese" dirixido por Bruno G. Traba e, na que contaremos coa presenza de Luís de Vicente que porá a disposición do traballo as súas dotes como baijista clásico.

Quinta-feira, 30 de Abril de 2009

Meu deus!! Estannos exterminando!!

O realizador vigués Edu Lavandeira leva ao cine a polémica aberta nos últimos meses sobre o descenso no emprego do idioma do país. Para iso, cun presuposto de cero euros e con actores non profesionais, fai unha chamada de atención aos castelanfalantes...

'A perspectiva desde a porta', unha novela incómoda...

Hoxe mesmo chegará ás miñas mans a novela da escritora Patricia A. Janeiro. "A perspectiva desde a porta"; obra finalista Premio Xerais.
Que se ve dende a porta? Cal é esa perspectiva da que fala o título?
Patricia A. Janeiro: O libro fai moito fincapé na perspectiva que ten cada un, como cada un se enfronta aos problemas. A min impactoume moito o que me dixo unha vez un preso, que a prisión 'dá perspectiva sobre a vida'. E o libro está cheo de portas, portas físicas, como as que David soña en atravesar para saír da cadea, e portas mentais, como as que Nadia ten que atravesar para seguir adiante coa súa vida.

Quarta-feira, 29 de Abril de 2009

...na beira da ría


Xa que non puiden asistir á presentación do "Mar de ausencias" na súa vertente más marítima, en Fisterra, hoxe percorrín o paseo de madeira da Ría de Noia por achegarme a augas salgadas. O libro da frouma baixo o brazo, abraiado ante unha primavera que decideu non vir ...e as fantasmas dun futuro incerto que aseguran regresar ao "presente" no que estamos re-"presentados" (as casas de madeira que wells soñaba na súa peculiar máquina do tempo).


.
Erguemos mastros
.................................patrias de memoria

ronseis inabarcabeis que confunden a vida

por vivir
anque afoguen de salitre
os últimos alentos

no silencio

(do libro "Mar de ausencias" de M.Fraga)

Segunda-feira, 27 de Abril de 2009

Pola creación dunha rede popular galega de ensino en galego

3000 asociad@s a 100 euros anuais, supón o presuposto para crear unha rede de escolas.

Apoio a creación dunha asociación popular “Galiza co Galego” que acade recursos económicos para a creación dunha rede popular galega privada de ensino en galego, a todos os niveis, con especial atención dende os niveis inferiores (de cero a 6 anos), deica a finalización da educación obrigatoria (sobre os 16 anos).
Tendo en conta que a asociación popular “Galiza co Galego”, contará con asociados nun número inicial de 3000, que ao mesmo tempo, na maior dos casos serán beneficiarios da rede de ensino en galego, comprometo a miña afiliación, á asociación popular “Galiza co Galego”, cunha cota anual de 100 a 200 euros, que farei efectiva no momento da súa constitución.
Para ler máis e afiliarse picar aquí Un pequeno esforzo económico pode salvar a Nosa Língua da desaparición, e o dereito a que os nosos fillos podan estudar no seu Idioma. É o momento de que as ideas se tornen feitos!!!

Sexta-feira, 24 de Abril de 2009

Hoxe é 25 de Abril. Quizabes nós tamén algún día...

Quinta-feira, 23 de Abril de 2009

A mancha Humana en Compostela

Unha exposición que visitei estes últimos días foi a chamada "The human Stain" no CGAC en Santiago. O título está tomado dunha novela do escritor estadounidense Philip Roth e comparte a súa noción de "stain" como mancha ou suciedade moi resistente. A elección da imaxe dunha mancha humana como algo que se adhire ao seu portador e que o segue onde vaia, sen importar o que este faga para se librar dela, como medio de visualización da subxectividade e como fío condutor, pode ter como exemplo ao grandísimo escultor, que ben procuro presentar como un dos que máis influíron no meu xeito de dixerir a arte e, por qué non, incluso a vida. Estou a me referir a Giuseppe Penone, que xunto con Dan Graham, Dora García ou Jorge Barbi, conforman esta mostra que paga a pena visitar para aqueles que decidades achegarvos até a capital da nación. Momento emociónante ao ver nas paredes do terceiro andar tres cadros das "suas árbores", e un pouquiño máis adiante o "obxecto fraxil e substitutos" do J. Barbi. Bótase en falta, nembargantes, o cheirume a loureiro e os talos achados tal restos arqueolóxicos no fondo do tronco morto.

Terça-feira, 21 de Abril de 2009

A visita de Iago Urgorri e Moncho Pais

Semella que cada entrega do "Antítese nativa" a amigos e interesados trócase nunha festa. As fotos que podedes ollar na seguinte reportaxe gráfica transcurreu fai un par de semanas, na agradabel visita de Moncho Pais e Iago Urgorri a Noia. Entre tapas de polbo da Ría de Noia, luras, libros e cousas varias; Ramón Blanco, Manolo do Río, os xa citados Moncho, Iago e mais eu, puidemos disfrutar dunha simpática velada onde non faltaron as anécdotas, as sinaturas e os retratos con boinas.

Sábado, 18 de Abril de 2009

Poetas n´asturianu

El "Color de L´ausencia" é o título dun libro de poemas de Pablo Rodríguez Medina, escritor asturiano e "n´asturianu", que chegou hoxe a miña casa de man da carteira habitual. Estes días ando entre literaturas aragonesas e letras astures. Quen teña interés en ler algo do poeta en cuestión pode facelo nesta web, e os interesados en mercar o libro poden facelo nestoutra.
Desde logo que o "maldito estado" dispón de máis dunha e de catro linguas.

Quinta-feira, 16 de Abril de 2009

...na rúa a primeira maqueta de "The weak force"

Onte, entre poemas escritos en aragonés e literaturas varias, chegou a min a nova da presentación da maqueta da banda Metal compostelana "The weak force". Parte dos temas que forman o disco en cuestión pódense escoitar no seu myspace. Animádevos que merece a pena.

Domingo, 12 de Abril de 2009

"The weak force", "Mar de ausencias", a deixadez e os rinocerontes

Onte, tanto en "A palavra perduda" como en "Couceiro", merquei dous libros. Un para os pesimistas; "Mapa sociolingüístico de Galicia 2004" da queridísima (sic) RAG (esa mesma que non dou os datos sobre a situación do Noso Idioma antes das eleccións (Sempre vos estaremos moi agradecidos)), e outro para os amantes da poesía; "Mar de Auséncias" de Modesto Fraga, que agora teño nas miñas mans, e que acaba de ver á luz grazas a "Follas novas". A presentación do poemario, foi, quizais, do máis atractivo que tivo ultimamente o noso mundo literario. Podedes ollar a crónica na páxina do autor.
Noutra orde de cousas, lamento non ter podido asistir ao concerto de "The weak force" este pasado domingo, mais non faltarei ao do vindeiro xoves (5ª feira) na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
As Poesías do desamor de Cesare Pavese serán a vindeira adquisición da miña biblioteca, grazas á traducción ao galego de Rinoceronte editora.

Sábado, 11 de Abril de 2009

Manifesto: "O galego é útil"

Isto que estás a ler é un manifesto espontáneo, vivo, interactivo, libre de ideoloxía e afiliación política, co que os abaixo asinantes pretendemos, desde a nosa humilde experiencia no estranxeiro, desmentir o mito de que “o galego non vale para nada” ou “só serve dentro de Galicia”.

A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas). (picar para seguir lendo e para asinar o manifesto)

Terça-feira, 7 de Abril de 2009

...na Praia de Tanxil

Este pasada 2ª Feira, os "Sacousos" achegámonos até Rianxo coa intención de botar unhas parrafadas co compañeiro e poeta Roberto Abuín. A tarde tivo de todo, desde conversas varias até recitais improvisados, paseo pola vila e Praia de Tanxil, visita aos panteóns de Rafael Dieste e Manuel Antonio etc. Falouse, entre moitas outras cousas, de diversos proxectos editoriais, da situación da língua galega, de escritores andaluces, do sempre sorprendente Panero, e de metafísicas varias (moitas)... Velaquí a reportaxe gráfica na excentricidade e ledicia que nos caracteriza.

Quinta-feira, 2 de Abril de 2009

Hefesteón e ruínas varias (Viaxe a Grecia)

No alto da Ancient Ágora, maxestuoso, atópase o Hefesteón, tamén coñecido como Teseón. Trátase dun edificio da época de Pericles (449-440 aC), que se atopa nun óptimo estado de conservación. Como ben se pode ollar estamos ante un templo exastilo (seis columnas ao frente), de orde dórica... Compre salientar o magnífico friso que se observa nas fotos que, abofé, sorprende a todos os que diriximos a vista cara o alto.
Tras ter diante nosa a derradeira construcción do Foro grego, procedemos a abandonar o recinto, non sen antes dar un paseo entre as estelas funerarias que se expoñen e as ruínas de diversas casas da época.
Dirixímonos agora cara o Kerameikós, entre unha multitude de turistas que atrevesan o mercadillo de Monastiraki.

Segunda-feira, 30 de Março de 2009

Malditos arquitectos

Falaba hoxe, cuns amigos, sobre o adefesio da Rúa do Franco en Santiago de Compostela. Definitivamente (e xa o dixen demasiadas veces) non entendo aos arquitectos. Semella que o seu principal obxectivo, mais que construir, é destruir o que outros con tanto empeño fixeron. Ao chegar a casa abro o xornal e atópome con estoutra triste nova. Vanse gastar 893.000 euros en seguir promovendo o feísmo, neste caso no Casco Histórico da vila de Noia, concretamente na Rúa Pescadería, a uns dous metros, exactamente, da liña de costa. O edificio que aquí podedes ollar será o novo Centro Comarcal adicado a servizos administrativos.
...agora alguén virá con posmodernismo arquitectónico ou liberdade creadora (Nai que os pariu!).

Quinta-feira, 26 de Março de 2009

Antíteses de balde... e para todos

Gardei algúns exemplares do "Antítese" para os lectores desta casa e para quen estivese interesado en tocalo coas súas propias mans. A cantidade de libros que teño á miña disposición é relativamente pequena así que non sei se chegará para todos. No caso de seren insuficientes, optarase por facer un sorteo entre aqueles que poñades na sección comentarios desta mesma entrada o voso nome, email e blog (no caso de telo). En 15 días aproximadamente procederei a facer o reparto. Relacionado con isto compre anunciar que a 2ª edición do poemario estará nas librarías de todo Galiza, aproximadamente, en 3 meses; cun formato moi mellorado nun proxecto nacente, cd, exposicións, etc. Agardemos que todo saia ben.

Quarta-feira, 25 de Março de 2009

...e o primeiro tema é... 28 anos

Levo tempo desexando abrir unha nova sección neste blog adicada a mostrar os temas musicais que estiveron, para ben ou para mal, ao meu carón ao longo destes 31 anos de vida. En realidade non deixa de ser unha mala escusa para cando as ideas sobre a escrita non sacan a cabeza do casulo, ou para cando o tempo está irremediabelmente moi limitado. Aproveitando, entón, este subterfuxio; escoitamos de fondo "A whiter sade of pale". Dádelle ao play.

"Agora que viña en outona claridade" segundo o setembro daquel "Antítese nativa"; que parolaba sentado no John Turkey da Serra de Outes cos amigos do Colectivo Sacou e Cia... "a brancura nunha estrañeza nouturna" ameazaba con finar o breve intento nun ir e vir de indecisións, ou sexa: aquilo que voa non é "Arturus" senon un avión destino aos Pirineos. Entre tanto, o pintor máis romántico do mundo tentaba seduccir a calquera muller disposta a ficar. Eu, na treboada, percorría algún quilómetro coa banda sonora e falaba de filmes, conquistas de montes xa coñecidos, amigos, desazóns... Dous anos despois, ti estás aquí e Procol Harum nunha guerra civil (os dereitos de autor).

Segunda-feira, 23 de Março de 2009

...desde Radio Cornellà

Hoxe, como tiñamos prometido, conectamos con Manuel L.Rodrigues. Falounos do seu blog, do seu libro premiado "Antítese nativa", da súa creación e da próxima edición (unha segunda) do mesmo libro, acompañado dun cd con colaboracións especiais, de Noia, da súa ría... Quedamos para poder conectar noutra ocasión e prometeunos que nos deleitaría coa lectura dalgunha das súas creacións poéticas. Desexámoslle moita sorte. (picar sobre o nome para escoitar a entrevista)

Domingo, 22 de Março de 2009

A historia falada

Coincidindo co 75 aniversario da radio en Galicia, bota a andar o proxecto "Galicia pola radio" co que se instala en Santiago de Compostela unha mostra do mesmo título, que recollerá a andaina radiofónica galega desde 1932 ata a actualidade. Chama a atención o micrófono desde onde se dixo iso de "la guerra ha terminado" en 1939.
Podédelo ollar na Fundación Caixa Galicia até o 19-abr-09. Eu xa o fixen e podo dicir que agás o micrófono en cuestión, a cousa non é tan impresionante como din por ahí.

Sábado, 21 de Março de 2009

...de prensa en prensa

Volvo a ler "El Mundo" hoxe. A camareira sérveme "una palmerita" despois de terlle pedido "unha desas palmeiras de chocolate". O titular esperta o meu interese por segundo día consecutivo: Nas Baleares "imporán pola forza o Idioma Catalán nas misas e nas máquinas de tabaco" (???). Lendo a nova comprobo que esa imposición (sic) soamente sera real "nalgunhas misas", e en formato bilingüe nas expendedoras en cuestión. Vaites!!
Imaxino, por un intre, o mesmo titular nun mundo galego: "En Galiza imporase o Castellano nas misas e nas máquinas de tabaco, e nos cinemas, e no 90 por cento dos xornais, e no 90 por cento da programación audiovisual, e no 90 por cento da programación radiofónica, e nos productos que saen á venda en supermercados, etc." O mundo ao revés di moito de si mesmo. Eu, hoxe, gostaría de ser Balear, porque aínda que non fume premería o "botón" da máquina que, segundo El Mundo ("lider mundial de información en castellano"), me quere impoñer pola forza ese Catalán que eles tanto odian e eu tanto amo.
Apertas desde un sábado que ameaza con anubiar...

Sexta-feira, 20 de Março de 2009

Aos visitantes desta casa...

Hai días de malas novas e días que son merecentes de topalos diante; evitar que o tempo os leve alén da noite para que fiquen no esquezo eterno. Hoxe, dame a min a impresión de que vai ser unha boa xornada.
Lendo a prensa, mentres tomo o café de costume, Fina, a camareira, achégase a min e cun "Bos días Manuel" demostrame que aínda o Galego segue vivo (cada vez menos), nalgún currúncho deste espazo que habitamos. Apaño dunha mesa o xornal "El mundo" e leo que a Generalitat mellorará o modelo de ensino implicando ao alumnado e profesores na construcción nacional de Cataluña. Non podo evitar sentir envexa, da sá, ao ver que os habitantes dese país mediterraneo son cada vez máis cataláns e cada vez menos "outra cousa"; o que é o mesmo que dicir máis libres. Ogallá chegasen os tempos... con novas así da gusto erguerse da cama.

Terça-feira, 17 de Março de 2009

A igrexa dos Apóstolos, Estátua de Adriano, Heroes epónimos, Odeón de Agrippa, etc. (Viaxe a Grecia)

A segunda parte da nosa visita á Ancient Ágora ateniense achéganos até a Igrexa dos Apostolos, situada nun extremo do Foro Grego. O templo en cuestión reune as características típicas da arquitectura bizantina, e forma parte dunha serie infinita de edificios relixiosos adicados ao crente, neste caso, cristiano ortodoxo. No interior a nosa sorpresa é grata; dúcias de frescos de todo tipo, bastante ben conservados deixanse ver, curiosamente, sen ningún tipo de proteccion. Compre salientar o "fresco de maior tamaño" e o moi recoñecibel Pantocrator no alto da pequena cúpula (lanterna).


No exterior, un fabuloso presente agarda por nós... Ese capitel pousado no chan e malamente restaurado con cemento é do xa inexistente Odeón de Agripa (nunca poderei perdoarme o feito de ter pasado por alto un dos tritóns que se conservan no museo da Ágora á que nos referimos). Despois de ollalo detidamente decido retratarme con el (é un capitel que, aínda que o presentan como corintio, chama a atención as catro volutas que, o "medio convirten" nunha peza de Orde Composta).
Ao Fondo ollamos o Teseón; templo do século Va.C. mandado construír por Pericles... e que é o mellor conservado da época (do Partenón xa ben se pode comprobar o seu estado ruinoso).
Por último, e volvo a emocionarme, contemplamos orgullosos a estátua de Adriano do século II a.C (emperador de Roma do 117 ao 138 d.C). Compre lembrar que Atenas estivo baixo a súa autoridade e na mesma cidade existe un Arco do que xa falamos e unha biblioteca da que falaremos.

Quinta-feira, 12 de Março de 2009

Xornal Certo pregunta e Antón Piñeiro responde

P. a poesía fai aboiar a alguén? Manuel L. Rodrigues di que non serve para nada... rebátallo!
R. A poesía forma parte do mundo das sensacións, quizais das máis importantes, que son as sensacións comunicativas. Non serve para nada material, polo menos directamente (picar para seguir lendo)

Quarta-feira, 11 de Março de 2009

...nas ondas

Este vindeiro sábado (14 de Marzo) o "Antítese" chegará até Catalunya, grazas ao programa "Sempre en Galicia" de Rádio Cornellá. Colgarei aquí a entrevista.

Sexta-feira, 6 de Março de 2009

Chamamento a unha manifestación histórica

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia así un calendario de mobilizacións que se marcan o obxectivo de fortalecer a defensa do Idioma galego. O colectivo xa está a organizar a tradicional manifestación do vindeiro 17 de maio, unha concentración que este ano agardan que sexa histórica. "Non consentiremos este paso atrás", di Callón, polo que "imos movernos e estar atentos e vixilantes ante calquera actitude ou tendencia a mudar para peor a política lingüística do país". Na convocatoria do ano pasado sumáronse a esta manifestación un total de 585 colectivos e unhas 25 mil persoas e o obxectivo desta edición é superar aquela participación. (Picar para ler máis)

Terça-feira, 3 de Março de 2009

D.E.P.

Estiven todos estes días post-electorais procurando as palabras para a nova entrada deste blog e, despois de tentalo en varias ocasións e recoñecendo non telas atopado... deixovos un enlazo que coido reflexa o meu sentir respeito ao acontecido o 1 de Marzo.
O pobo galego escolleu suicidarse, morrer, non existir. Os nosos complexos foron máis grandes cás nosas ilusións. (picar para seguir lendo)

Sexta-feira, 27 de Fevereiro de 2009

Artes e letras de Galicia

Este 28 de febreiro (sábado), volve saír o suplemento "Artes & Letras. Galicia". Dito suplemento publícase co diario ABC, o último sábado de cada mes. O encargado da publicación é o compañeiro do Colectivo Sacou e moi amigo do mantedor desta bitácora; Ramón Blanco. Moi recomendabel para quen garde interese sobre a Cultura en Galiza e o mundo dos libros en xeral.

Quarta-feira, 25 de Fevereiro de 2009

Exposición sobre a arte e cultura en Galiza nos anos 70

Estiven este pasado domingo en Santiago de Compostela, rexeitando folletos propagandísticos duns tipos vestidos da cor de Espinete, solicitando o voto para a súa liberdade (que non a miña) e entorpecendome o paso pola rúa.
Aproveitei para achegarme até o CGAC onde puden visitar a exposición chamada: PORTAS DE LUZ. A ARTE E Á CULTURA DA GALICIA DOS SETENTA.
Impresionoume sobre todo a serie de "cadros-viñeta" de Antón Patiño, algo que xa vira anos atrás no Auditorio de Galiza (O home que falaba Vegliota), e eu, que tamén falo vegliota gárdolle certo rencor a Espinete por non ter respetado o meu dereito a poder oír Barrio Sésamo en Galego. Copio e pego certa información sobre a mostra da que tratamos e que podedes ollar no Centro Galego de Arte Contemporanea do 30 xaneiro -ao 3 maio do 2009:


Existe un fundamentado acordo entre axentes culturais, especialistas e estudosos de cada unha das áreas de expresión cultural a respecto de que foron os anos oitenta o momento culminante, expansivo e até revolucionario da cultura e da sociedade en Galicia na segunda metade de século. Pero cando Atlántica arrancaba en Baiona, verán de 1980, cumpríanse dez anos da inauguración do Museo Carlos Maside en Sada, e Con pólvora e magnolias ou Xoguetes pra un tempo prohibido tiñan sido editados tres e cinco años antes, respectivamente, desa que temos como data inaugural.
A mostra indica no seu subtítulo a natureza da súa identidade, a vontade de supor unha achega transversal aos aconteceres das artes na Galicia dos anos setenta, e chamámola Portas de luz porque, como ben se sabe, o panorama no que se insire é o dos tempos escuros. Déronse entón, baixo as peores circunstancias, moito máis que indicios de vida intelixente en todos os campos da cultura. Sucesión en zigzag de acontecementos que abranguían a totalidade das artes e que non haberían de decaer nunca, só proxectarse no futuro pois a década foi un crescendo continuo que non agardou pola morte de Franco para pórse de e en manifesto.

Sábado, 21 de Fevereiro de 2009

Ancient Ágora, Stoa Attalos, etc...

Moi perto da Ágora Romana sitúase a chamada "Ancient Ágora" ou Ágora Grega, moito máis antiga que a anterior. Percorremos o límite do barrio de Monastiraki; ollamos algunha casa (con lagartos pintados), que nos introduce unha Atenas que veremos máis adiante na nosa viaxe. Axiña divisamos as vías de ferrocarril e, no fondo a Estoa de Attalos, situada nun extremo da Ágora, completamente reconstruída e, albergando hoxe un fermoso museo cos restos arqueolóxicos atopados no mesmo foro. O edificio columnado é do século II a.C.
Accedemos ao recinto a través da Vía Panatenaica, que debe o seu nome ao grande Festival das Panateneas que se celebraba cada catro anos cunha subida até a Acrópole (o friso do Partenón de Fidias reflexa dita "procesión").
Outras cousas dignas de ser mencionadas son a Igrexa Ayios Thomas; completamente en ruínas, e moi pertiño do Foro. Dentro do mesmo os restos do Templo Monópteros (interesante a súa planta en forma de círculo), a "Plataforma dos oradores", columnas que se poden ollar nas fotos da Stoa central e o pouquísimo que queda do grandioso Odeón de Agripa (un dos tritóns (150 d.C.) atópase no interior do museo, aínda que a nosa mala xestión do tempo (e descoido) fixo que nola pasasemos por alto).
Asimesmo, tivemos a oportunidade de observar Cerámica xeométrica, diversos bustos (algúns arcaicos), un Escudo espartano, algúns lekythos (funeraria), e unha fermosísima reproducción do Hércules Farnesio. Adicarémoslle outra entrada a esta enorme Ancient Ágora. Entrementres disfrutade coa reportaxe gráfica. Un saúdo.

Quarta-feira, 18 de Fevereiro de 2009

é o dereito dos nosos fillos... é o noso deber...

Porque Galiza é a nosa xente,
o Galego a nosa fala
e por moito que eles digan
a nós, NINGUEN NOS CALA!

Terça-feira, 17 de Fevereiro de 2009

La Voz de Galicia dixo...

Na súa edición de Arousa, xunto con esta fotografía tan pouco afortunada, na que eu sinalo a miña chaqueta mentres digo: "no peto teño un block onde están os apuntamentos sobre o que vou dicir", Castro Ratón cólleme polo lombo e os fotógrafos disparan. Picando un poquiño máis abaixo podedes ollar a nova que saiu na prensa.

Manuel Lopes Rodrigues, vencedor en la última edición de este premio, ya tiene su trabajo en la calle. Antítese nativa recopila diferentes poemas influidos por poetas gallegos y también de otras tierras. Su autor se congratula de haber recibido este premio pero aprovecha para advertir que «a dignificación do idioma galego está pasando un dos peores momentos dos últimos anos por mor de ataques que veñen de fóra». (picar para seguir lendo)

Manuel Lopes, gañador do premio Suso Vaamonde, presentou o seu libro

PEREIRA > VILAGARCÍA (Diario de Arousa) (picar)
O vencedor do XIV certame de poesía Suso Vaamonde, Manuel Lopes Rodrigues, visitou onte Vilagarcía para dar a coñecer a súa obra na compaña do edil de Cultura, Xosé Castro Ratón, e o presidente de Amigos de Galicia, Jesús Busto. Esta asociación anuncio cambios nos premios a partir de 2009.

Jesús Busto e Castro Ratón anunciaron que a partir deste ano, Amigos de Galicia creará un novo premio, orientado a ofrecer a edición do seu primeiro disco a un artista ou grupo musical noveis. Este certame será o que se pase a chamar Premio Suso Vaamonde, deixando entón o galardón poético de ter este nome para denominarse “O Grelo”, que era como se chamaba anos atrás. “Suso estaría feliz de saber que un premio musical leva o seu nome”, asegurou o concelleiro de Cultura.

Non obstante, onte o protagonista era o último vencedor do Suso Vaamonde de poesía: O noiés Manuel Lopes Rodrigues, que veu a Vilagarcía a presentar a súa obra Antítese Nativa. Este artista novel, aínda que non carente de experiencia nin preparación, tivo a oportunidade de darse a coñecer grazas a Amigos de Galicia e o Concello, promotores dos premios.

Lopes Rodrigues, posuidor dun estilo moderno, nú da beleza da poesía doutros tempos e relativamente próxima a artistas como Manuel Antonio, do que non nega certa influencia, asegura que Antítese Nativa leva ese título porque “ao contrario de Pondal e outros artistas antigos, non trato de mistificar o pasado da nación galega, senón o seu futuro”.

O noiés confesa que “o adxectivo de nativa fai referencia ao nacemento, a nación e a repercusión que ten o espazo vital no modo de ser do ser humano”. Tamén destaca Manuel Lopes unha pequena referencia que reflexa na obra para con Vilagarcía, “na que pasei pequenas temporadas”. Trátase dun comentario sobre os guindastres ubicados no peirao do Ramal.

Manuel Lopes considera que “o idioma galego está nun dos peores momentos da súa historia, en boa parte por culpa de axentes chegados de fóra” e que escribir na lingua do país “é unha auténtica aventura”.

Sábado, 14 de Fevereiro de 2009

Prensa

.
.
Hoxe sae no xornal "La voz de Galicia" unha nova entrevista, neste caso, a cargo da periodista Vanessa Lagares:

"Este noiés, que no seu día foi fundador do colectivo Sacou, presentará ou luns unha obra poética" Picar aquí para seguir lendo.

Sexta-feira, 13 de Fevereiro de 2009

Meme do Traste Galego

Recibo do amigo Carlos Sousa o Meme do Traste Galego e, para que o entendades copio e pego as normas do mesmo desde o blog de L&M:

meme do traste galego
A ideia deste meme gerou-se num intenso debate no blogue de zeltia assim que vamos lá! como podedes ler na entrada de zeltia ser "trasteador" consiste em experimentar um produto e postea-lo passando a informaçom aos conhecidos. entom pensamos (é uma forma de falar)... por que nom se pode fazer o mesmo mas sem que existam grandes empresas por trás? pois sim que se pode...por que nom? e como os galegos somos especialistas em ser trastes e enredar...
recibes o meme e engades o produto da tua zona que vas a sortear no teu blogue.
envia-lo a tres persoas
o dia 28 de fevereiro realizas o sorteio e envias o produto ao ganhador.desta forma cada um decide que produto quer dar a conhecer ( e o que quer gastar) e se fazemos umha lista xeitosinha até podemos chegar a saber de especialidades, produtos ou curiosidades dos recunchinhos da terra.como se entra no sorteio? pois deixando um comentário no blogue que interese. é muito mais democrático e nem só haverá o dia 28 um ganhador senom tantos como blogues participem. e por que o 28 de fevereiro? pois simplesmente porque é de aqui a um mes...
e por tanto eu oferezo: "unha empanada de berberechos da Ría de Noia"

Quinta-feira, 12 de Fevereiro de 2009

The weak force

Estes días a banda metal galega "The weak force" graba un disco conxunto con outros grupos, en Santiago de Compostela. Estaremos atentos ás informacións verquidas polo amigo Xan Santos (vocalista e compositor da maior parte dos temas), que ademais tamén formará parte no Proxecto Cd do Antítese. Deixovos cunha actuación na final de "Música Xoven" onde "The weak force" acadou un prezadísimo terceiro posto. Desde esta casa unha forte aperta a todos os que formades parte dese marabilloso soño. ...e proximamente en concerto por Galiza adiante.


Terça-feira, 10 de Fevereiro de 2009

Outra vaca no millo

A reportaxe que sigue saíu no suplemento "Un mar de cultura" do xornal Diario de Arousa. O titular da mesma é: "Manuel L. Rodrigues louva á terra e á muller co libro de poemas "Antítese nativa"". Non vou insistir en que o poemario NON É un libro de amor á terra e a unha muller tal e como considerou o xurado, pero si teño que dicir que, na entrevista, fixen constar en maiusculas e ben clariño que non estaba dacordo coa decisión, en canto á definición da obra, do mesmo. Por todo isto non deixa de estrañarme o titular escollido polo xornal que califica o poemario en cuestión como todo o contrario ao que realmente é

O Concello de Vilagarcía e a Fundación Amigos de Galicia galardoaron ao poeta noiés Manuel L. Rodrigues co Premio de Poesía Suso Vaamonde 2008.

A obra premiada leva por título “Antítese nativa” e Rodrigues xa recolleu o premio o pasado 17 de maio, no acto que se celebrou na cidade arousá.

“Antítese nativa” “foi o resultado dun longo proceso de escritura”. O poeta das terras de Avilés de Taramancos comezou a escribir a obra cando “nin sequera tiña nome, do mesmo xeito que fixen, e fago, con moitos cos que estou”. De todos os xeitos, Manuel L. Rodrigues destaca da obra premiada que é a que lle levou máis tempo posto que estivo un lustro para rematar este poemario.

Desta obra, o xurado do certame destacou “a variedade léxica e o importante traballo lingüístico que ten este compendio de poemas de amor á terra e á muller, usando como medio o verso libre”, unha definición que o noiés non comparte.

Unha das características principais deste poemario é a influencia que ten da “recreación espacial de H. G. Wells e Jules Verne ou de Guiseppe Penone”. “Antítese nativa” tamén recibe sons de Himekami así como do New Age, “que está en todos os lados do poemario, o anarquismo primitivista, a revelación bíblica ou a síntese contraria ao que se podería denominar “acto do que nace”, do que está por vir, da conquista, da loita, do novo xeito de ser, de ollar e de crear”; en definitiva, o sincretismo.

Cando se lle pregunta ao autor polo motivo da elección do título para esta obra, ten claro que é algo complicado de explicar, “quizais o de “Antítese”, neste caso, perde o significado de contra-afirmación e gaña no de complemento estilístico; complemento de significación oposta ou contraria”. Desta maneira, dende o poemario danse diversas lecturas sobre o motivo e que o lector deberá descubrir no momento en que teña a obra nas súas mans.

Manuel L. Rodrigues comezou a compoñer os seus primeiros versos cando contaba con quince anos, logo de “conseguir comprender un poema de Rubén Darío grazas á explicación dunha profesora. Cheguei á casa e fixen o meu primeiro poema”.
Co paso dos anos, este xoven poeta, que foi cofundador e membro do Colectivo Literario Sacou, do Grupo teatral Éteatro, integrante da Asociación Audiovisual Paradiso, entre outras, ten un estilo que procura coidar en todas e en cada unha das súas creacións, pero que tamén ao mesmo tempo, está en constante evolución.

O currículo de Manuel L. Rodrigues, a pesares da súa xuventude, é bastante amplo. Acadou varios premios literarios e participou no World Poetry Day en Santiago de Compostela, convidado polo Pen Clube de Galicia. Tamén colaborou na antoloxía “21 poemas por man propia”, que veu a luz grazas á Colección Bourel, e na que participaron diversos poetas de toda Galicia. Ten realizado varias colaboracións con distintas revistas, ademais de participar como xurado do certame de p o e s í a Francisco Añón de Outes.
Nota importante: A xornalista do Diario de Arousa; Lidia, confírmame que o titular da reportaxe non é da súa autoría xa que o mesmo foi mudado por estoutro que podedes ollar aquí. (Actualización día 11 de Febreiro)

...na rede

Atopei, visitando as webs polas que ando decote, a "presentación" do "Antítese" na casa do poeta Modesto Fraga. De todas as presentacións que leva o libro, coido que esta é a máis digna de todas. O poema que acompaña, pertence a antoloxía de poesía galega da Colección Bourel. Obrigado Modesto. Picar aquí

Sábado, 7 de Fevereiro de 2009

Na Galiza só en Galego!!

"Cada palabra dita no idioma invasor é unha espada de ferro cravada a traizón contra Galiza"
Pola derrogación do artigo 3.1 da Constitución Española que nos obriga a coñecer o Castellano.

Esixeo: Na Galiza só en Galego!!!

Sexta-feira, 6 de Fevereiro de 2009

Non é culpa miña...

Volve a suspenderse (e desta vez para sempre) a presentación de "Antítese nativa" en Vilagarcía de Arousa

Acabame de chegar a información de que, finalmente, "Antítese nativa" non será presentada nun acto ao público este vindeiro luns, día 9.

O evento sustitúese por unha rolda de prensa (?) para o día 16, a onde non poderá acceder ninguén que non sexa xornalista ou representante de algún medio de información. É a cuarta vez que a organización, coa que nada teño que ver, apraza (aínda que neste caso suspendese definitivamente) a presentación do libro.

Pido desculpas a todos os amigos e seguidores deste blog, que manifestáchedes interese en achegarvos até Vilagarcía para terdes o poemario nas máns. Tentarei por todos os medios posibeis conseguir o maior número posibel de exemplares para repartilos de balde entre todos os que o solicitachedes.

Entrevista no Xornal Certo

Hoxe sae no Xornal Certo a entrevista realizada co gallo da saída do "Antítese"
Podedes lela picando aquí

Quarta-feira, 4 de Fevereiro de 2009

Ágora Romana, a Torre dos ventos (Viaxe a Grecia)

O seguinte paso no noso coñecemento de Atenas pasa por avanzar a través do tempo. Estamos na época na que Roma xa tiña baixo o xugo do seu imperio as cidades estado de Grecia.
Seguindo a marea de turistas chegamos até a Ágora Romana, onde se atopa a impresionante Torre dos Ventos. Cóntase que é posibel que, dentro desta fermosa edificación, Sócrates pasase os últimos días da súa vida antes de beber a cicuta. Foi construída polo astrónomo sirio Andronikos Kyrrestes, como reloxio de auga e veleta. A construcción ten un curioso friso onde se representan os oito ventos con relevos mitolóxicos. A súa observación interior foi imposibel por atoparse en obras.

Virando a cabeza podemos ollar os restos da Ágora Romana; cimentos de edificios e as columnas (moito máis toscas que as gregas) da Stoa. Dentro da Ágora en cuestión que, por certo, está situada entre o Barrio Monastiráki e a Rocha da Acrópole, atópase a Mezquita Fethiye construída polos Turcos a finais do século XV para celebrar a visita de Mehmet o Conquistador de Atenas. Aínda que (disque) foi restaurada, presenta un estado deplorabel.


Diversas estátuas (leóns e formas humanas) fican aínda no Recinto da Ágora, moi en ruínas e cunha arquitectura (sen dúbida) non tan coidada como a grega autóctona do V AdC de Pericles.
Sorprende que os diversos restos arqueolóxicos non estean protexidos por nada nin ninguén, agás diversas tartarugas gregas, cadelos e algunha corda.

Domingo, 1 de Fevereiro de 2009

Nova data para a presentación de "Antítese nativa" (nota de prensa)

"Antítese nativa", o libro do poeta Manuel L. Rodrigues (Noia 1978) será presentado o vindeiro día 9 de Febreiro (Luns). O acto será no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa a partires das 20:00 e está organizado polo Concello.
"Antítese nativa" foi a obra que este pasado ano acadou o Premio de Poesía Suso Vaamonde.

Terça-feira, 27 de Janeiro de 2009

"O Caribe antes de Colón. Frei Ramón Pané e o universo taíno"

Frei Ramón Pané, monxe xerónimo que acompañou a Cristobal Colón na súa viaxe a América, foi quen de aprender a lingua dos "taínos", tribo indígena, que lle permitiu escribir a obra "A relación sobre as antiguidades dos indios", un pequeno e moi valioso libro sobre esta cultura e que fai de fio conductor da exposición.
"O Caribe antes de Colón. Frei Ramón Pané e o universo taíno" é unha mostra de obxectos rituais e da vida cotiá que permite o redescobremento e a comprensión desta civilización. As 56 pezas que compoñen a mostra en cuestión proceden da illa La Española, que hoxe ocupan os estados da República Dominicana e Haití, e outras illas das Antillas e do Caribe como Xamaica ou Cuba, e reflicten a singularidade das crenzas e prácticas rituais dunha cultura hoxe desaparecida.

Desde o personal punto de vista, algo pobre, pero interesante. Podédela ollar na Fundación Caixa Galicia de Santiago de Compostela. En pouco máis de media hora percorrédela sen problemas.

Sexta-feira, 23 de Janeiro de 2009

Imaxes que non precisan palabras

...e van tres.

Volve a aprazarse a presentación de "Antítese nativa" en Vilagarcía de Arousa.
O acto que estaba programado para o día 26 deste més de Xaneiro volveuse a suspender por terceira vez, neste caso, por ordes da Concellalía de Cultura da vila, quen, segundo a Fundación que edita o libro, é a encargada da organización. A noticia chegoume hoxe vía telefónica.

Quinta-feira, 22 de Janeiro de 2009

Premio Dardos

Tive a grata surpresa de receber o Prémio Dardos de Alexandra Oliveira, poeta portuguesa, por este presente blog. Com os meus agradecimentos, passo a transmitir o que este prémio implica:


"Com o Prémio Dardos reconhecem-se os valores que cada blogger, emprega ao transmitir os mesmos por culturais, éticos, literários, pessoais, etc., que, em suma, demonstram sua criatividade através do pensamento vivo que está e permanece intacto entre suas letras, entre suas palavras. Esses selos foram criados com a intenção de promover a confraternização entre os bloggers, uma forma de demonstrar carinho e reconhecimento por um trabalho que agregue valor à Web.


Este Prémio obedece a algumas regras:
1) Exibir a imagem do selo;
2) Linkar o blog pelo qual se recebeu a indicação;
3) Escolher outros blogs a quem entregar o Prémio Dardos.

Assim sendo, repasso o Prémio Dardos para os bloggers abaixo, pelo valor que lhes reconheço":

Mario Regueira
Modesto Fraga
Manolo do río

Terça-feira, 20 de Janeiro de 2009

Desc. da Acrópole, Museo da Universidade, Igr. da Metamorfose (Viaxe a Grecia)

Chega a hora de abandoar a Cidade dos Deuses. Levamos en Atenas (aínda que pareza incribel, pola cantidade de monumentos vistos) unhas dez horas. Quedan por diante outros nove intensos días cheos de vivenzas e aventuras. Descendemos da Acrópole. No camiño topamos de cheo coa fermosísima igrexa bizantina da Metamorfose. Un pouco máis abaixo, saúdanos o Museo da Vella Universidade e o Museo de Instrumentos Musicais, dos que preferimos descartar a súa visita nesta viaxe (o tempo faise curto e queda moito por ver).

Quinta-feira, 15 de Janeiro de 2009

Rompendo relacións con Israel

Primeiro foi Venezuela. Agora Bolivia. Velaquí os imprescindibeis para este mundo maldito. (...e viva Palestina Ceive!!)

Terça-feira, 13 de Janeiro de 2009

Presentación de "Antítese nativa" en Vilagarcía

Xa hai data para a presentación do libro en Vilagarcía de Arousa. O día será a 2ª feira (luns) 26 de Xaneiro. A hora ás 20:00, e o lugar; na sala de conferencias do Auditorio municipal de Vilagarcía; situado na Avd. da Mariña, perto do porto e fronte aos cines desta localidade.

Sábado, 10 de Janeiro de 2009

Desculpas e "safe from de hail" de "Shine"

Lamento non ter estado por aquí nestes últimos días mais, a miña forte, aguda e crónica "dor de lombo" incapacitoume para absolutamente todo, incluíndo a pregrabación do disco que estaba programada para os pasados días 5 e 6 de Xaneiro. Pido desculpas aos asíduos do blog, e moi en especial a Bruno e a Luís de Vicente, que se molestaron en reservar o tempo e en traer o material para o proxecto que finalmente tivo que ficar aprazado.
Noutra orde de cousas; hoxe topeime coa grata sorpresa do agasallo que a banda de A Coruña "Shine" (onde o compañeiro Bruno exerce de técnico de son, e da que Iago Blanco, un amigo, é batería) facía na súa web co gallo do Día de Reis. Molestádevos en descargar o disco aquí. Merece a pena.

Sexta-feira, 2 de Janeiro de 2009

Novas

Novo intento de presentación do "Antítese nativa" en Vilagarcía de Arousa. Lugar a indicar pola fundación organizadora e día en negociación. Todo parece indicar que non pasará deste presente més de Xaneiro.
Durante os días 5 e 6 proceremos, tamén, a realizar a pregrabación do disco "Proxecto Cd Antítese".

Segunda-feira, 29 de Dezembro de 2008

Vergonza xudea!!


Sexta-feira, 26 de Dezembro de 2008

Acrópole; Partenón e Erecteion (Viaxe a Grécia)

O primeiro que ollamos tras pasar os propileos é o fondo da Acrópole; a man dereita o Partenón e á esquerda, no fondo, o Erecteion. Centrámonos no edificio de orden dórica; como ben se pode comprobar a historia converteu este maxestuoso monumento en ruínas. Unha bonba deitada desde a Colina de Filopapo, por parte dos Venecianos, contra o templo (que contiña un polvorín Turco), foi a guinda do pastel que rematou por facer do Partenón isto que ollamos ante nós. Na actualidade atópase en situación de restauración.
Por outro lado o Erecteion (orden xónico) foi completamente resturado fai xa uns anos. Restauración polémica na que se mudaron as Cariátides orixinais por unhas copias.
Ao fondo da Acrópole topámonos co Museo que está fechado (outro máis) por obras (que raro). Comunícannos que as esculturas están a ser trasladadas ao Novo Museo da Acrópole, perto do barrio da Plaka. Volvemos a atravesar os Propileos coa intención de iniciar o descenso, non sen antes ollar a antiga porta da "Cidade": a chamada Porta Beulé. Finalmente decidimos descansar un anaco no Aerópago: unha xigantesca laxe de seixo desde onde se dí que predicou o cristianismo o Apóstolo San Paulo.

Domingo, 21 de Dezembro de 2008

O apalpador


...ás veces é preciso falar da recuperación das nosas tradicións (picar na imaxe)

Sábado, 20 de Dezembro de 2008

Terra de outes

Este sábado estarei na Cea Anual da Asociación cívico-cultural Terra de Outes. Quen queira tomarlle unhas copas... e falar de literatura que se achegue até a Serra. É imprescindibel ser membro do colectivo en cuestión para asistir, pero con ser amigo basta para ser benvido á festa posterior. Neste blog colgaranse as fotos do evento e dos aconteceres nocturnos.

Sexta-feira, 19 de Dezembro de 2008

(Picar na imaxe)


Quarta-feira, 17 de Dezembro de 2008

Propileos e Atenea Niké (Viaxe a Grécia)

Ollado o Odeón de Herodes retomamos a subída. Topamos de fronte co que semella ser a muralla da Acrópole. Compre esquivala. Seguimos a marabunta de turistas. Non sabemos canto queda para o cume nun intre en que o cansazo estáse a converter en algo demasiado pouco soportabel. Xiramos arredor da "muralla". Que é iso? (...) Columnas!!!! Dúcias de columnas dóricas!!! Estamos no alto da rocha!!! A sorpresa tórnase emocion... o mellor momento desque chegamos á capital grega. Temos diante nosa os Propileos; a entrada á cidade dos deuses obra arquitectónica de Ictinos e Calícrates do século V a.C.
Paremos a ollar por un intre todo o que se nos ofrece: na marxe esquerda vemos a xigantesca base dunha escultura (posibelmente dun auriga con cabalos), nos dous lados os cuartos e estancias da antiga construcción (hoxe en día moi deteriorados), se miramos ao lonxe vemos Atenas, coa súa capa de Xofre e contaminación, o Teseón, os foros, etc... (que visitaremos no seu intre).
Pero non todo é ledicia. Ao longo da nosa viaxe teremos momentos de grandes decepcións. Onde está o templo de Atenea Niké?? En teoría debería estár ahí... á dereita do "pórtico"!! Somentes vemos andamios e unha xigantesca tea semitransparente que fai intuír a sombra do templo xónico. Infórmannos que non poderemos acceder á sua visión debido ás obras (malditas obras; que sexan para ben).

Domingo, 14 de Dezembro de 2008

...sobre escritores e peripecias editoriais alén Galiza.

Levando o meu barco polas augas da arañeira, atopei a interesante e simpática web dun "escritor matrero y descreído acerca de la posibilidad de serlo". Álvaro Naira, o autor da novela "Politeísmos", narra no seu blog as desventuras e aconteceres en procura dunha editorial na que publicar o seu libro. Cando todo semella ir sobre rodas (por fin) e unha casa editora mostra interese pola obra, Álvaro atopa a feliz realidade (sic) que envolve o mundo da cultura. O esperpento non fai menos que arrincar o malévolo sorriso de quen le o contrato que se lle presenta ao autor. Algún de nós asinaría isto?

Xa vedes. Un amigo meu (editor asalariado no seu momento) dicía que vender libros era como vender chourizos, ou mellor aínda; vender chourizos sería do máis honrado fronte a como se move a farándula libresca. ...e Galiza non é o único sitio do mundo onde acontece isto.

Quinta-feira, 11 de Dezembro de 2008

W. Eugene Smith


Máis real que a realidade

W. Eugene Smith sacrificou todo pola súa obsesión. Proba diso é unha vida insatisfeita , atravesada por un desexo incensante de verdade que non logrou realizar ao completo e que o fundiu en frustracións e pesadelos. Non obstante, creou imaxes que van más alá da simple representación dos feitos, imaxes, ás veces obtidas facendo repetir a acción ou mesmo manipulándoa no cuarto escuro para traducir dun xeito aínda máis real aquela imaxe que soa, quizais, non tería logrado chegar á alma das persoas.


A exposición paga a pena (moito). Esa foi a sensación coa que fiquei tras percorrer os tres andares, e ducias de fotos, que a compoñen. Podedela ollar na Fundación Caixa Galicia da cidade da Coruña.

Terça-feira, 9 de Dezembro de 2008

Teatro Herodes Ático e outras (Viaxe a Grécia)

A reconstrucción da Acrópole é algo máis do que unha mera restauración das súas partes diversas: templos que se erguen da nada, ou dos cimentos que algún día foron, gradas de teatros que case non se divisan entre a terra e a rocha, andamiaxe que procura o teito dos edificios que xa non existen...

Antes de ofrecer o prato forte da viaxe, paremos a ollar o Teatro Romano de Herodes Ático; un lugar que aínda hoxe se emprega para concertos e obras dramatúrxicas. É mediodía. Estamos a piques de chegar ao cume que, fai xa máis de dous mil cincocentos anos, Pericles decidira sería a envexa de toda Grécia (hoxe de todo o mundo). Polo camiño atopamos os restos dunha antiga fundición de bronce. Ao lonxe divisamos o Monumento a Filopapo, de orixe, tamén, romana.

Domingo, 7 de Dezembro de 2008

...agradecendo...

"Mais uma vez salto, deliberadamente, a ordem numérica dos Exercícios, para dedicar este “Sem querer” ao amigo e poeta Manuel Rodrigues, por ocasião do lançamento do seu livro “Antítese Nativa”… (picar para seguir lendo)"

Obrigado Alexandra. Muito obrigado.

Sexta-feira, 5 de Dezembro de 2008

Poema 12 (Antítese)

Primeiro recoller as pingueiras que desentoan ecos
despois luír os valos, os ferros...,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,a froita madura...
(a singradura
dos postes telefónicos)
as landras na pontella
o regato que confirma todo "haiku"
nos amantes (roupa vella),,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,,da luz.
,
Primeiro ninguén retrata facianas alleas
nin xoga a ser navegante nos lavadoiros da inmundicia que queda
(mar...) despois como preguntarche polas áncoras
ou as velas
e prender as teas
non soltalas ao vento...
,
Aspirades a un triste destino, (roupeiro)
inútil e poé
tico
unha muller con sombreiro (astronomía, incensario)
ulirte como se pasases (JO108 - 1431)
e ascender na cadea de montaxe,,,,,,,,,,,, dun edificio inclinado
(malditos arquitectos).
,
Eres (rúa do século de hoxe) ,,,,,,,,,,,,,,,,,,,territorio derrotado.

Quarta-feira, 3 de Dezembro de 2008

O video do Teatro Dionisio (Viaxe a Grécia)

Antes de continuar co emocionante ascenso á acrópole; quero que vos deteñades un intre, a ollar o teatro do que falabamos na anterior entrada, sobre esta serie de crónicas da viaxe a Grécia no pasado més de Outubro. Velaquí un breve video atopado en Youtube.

Terça-feira, 2 de Dezembro de 2008

...enfin...

"Antítese nativa, escrita por Manuel L. Rodrigues destaca por ser unha obra intimista de añoranza adicada ao campo e a aldea en contraste coa cidade. (...) Trátase dun poemario, como poden comprobar de verso libre, de amor á terra e a unha muller."

Onte por casualidade (e non pouca) atopei o Antítese en Santiago de Compostela. É a primeira vez que vexo o meu propio libro.
Este pequeno texto que podedes ler no comezo da entrada forma parte, moi ao meu pesar, da introducción do poemario. Eu non sei cales foron os motivos que levaron aos primeiros lectores (sic) a chegar a tan determinantes conclusións pero, evidentemente, a capacidade á critica por parte dos actuais líderes do intelecto literario galego non vai ser cuestionada pola miña parte. O texto arriba escrito autoxustifícase e condeáse por si mesmo.

Sexa como for, ante estas extrañas afirmacións quero deixar claro que:

-Antítese nativa NON É unha obra, para nada, intimista (nen moito menos).
-Antítese nativa NON É unha obra de añoranza adicado ao campo e a aldea
-Antítese nativa NON É unha obra de amor á terra e a unha muller (a que se referirán co de "unha muller"???).

É curioso, pero na introducción do libro, feito polos organizadores do Premio literario, repítese o que o xurado do certame xustificara para conceder o galardón.
Sinceramente; ou procuraron figos na maceira ou non entenderon absolutamente nada.

Sábado, 29 de Novembro de 2008

Mostra de Curtas Vila de Noia

Comeza a 10 edición da Mostra de Curtas Vila de Noia. Para maior información picar aquí.

Quinta-feira, 27 de Novembro de 2008

Teatro Dionisos, Stoa de Eumenes, templos varios, etc (Viaxe a Grécia)

Existen, na subida á rocha na que se asenta a Acrópole, dous templos adicados a Dionisos; un antigo ou arcaico e outro moderno. Un pouco máis arriba atopamos o Teatro grego adicado ao mesmo deus (342-326 a.C.). Dicimos templo grego xa que na mesma caída da Cidade de Atenea atópase tamén o Teatro Romano que observaremos no seu momento. Picando aquí veredes, á vosa dereita o T. Dionisos e á esquerda o T. Romano de Herodes ático. A estas alturas do día (deben ser as 12:00) o calor faise insoportabel, o camiño dificil e, a auga que queda pouca...
Vemos por todos lados, andamios, traballadores, arqueólogos, viaxeiros... Ao deixar atrás o Teatro, ollamos, no camiño de ascenso, a Estoa de Eumenes.

Terça-feira, 25 de Novembro de 2008

...adquirindo novidades (e non tantas)

Teño unha especie de adicción e impulso mercantilístico-consumista no que aos libros se refire. Fai tempo que fixen a promesa de non adquirir máis volumes, entrementres non idease un xeito de almacenalos sen que tivesen que ocupar a metade do espazo dispoñibel da morada onde resido.
.
O xuramento foi tronzado cando onte caín na tentación de entrar na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.
.
.
Poesía Galega Completa - Manuel Leiras Pulpeiro: Edición do ano 1984 da Editorial Sotelo Blanco, cunha interesantísima introducción de Carbalho Calero.
Código Poético - María N. Soutelo Vázquez: Premio da pasada edición do Eusebio Lorenzo Baleirón e editado, tamén, por Sotelo Blanco. Veremos o que nos depara. Polo pronto, Mariola non deixa de ser unha compañeira no blogomillo.
Construcións - Eduardo Estévez: Un dos libros da polémica. Editado por Positivas. De principio; o gañador do Gonzalez Garcés, retirándolle o premio os membros do xurado por entender que incumpría as normas.
.
Agora só queda sentar. Un café. ...e xa vos contarei a experiencia.

Sexta-feira, 21 de Novembro de 2008

Boa nova


Pois si; os tempos son chegados. Hoxe recibo unha chamada da Fundación Amigos de Galicia para a presentación "oficial" do "Antítese nativa", que será para mediados do més de Decembro (o día, hora e lugar está aínda por decidir) en Vilagarcía de Arousa. Desde ese mesmo intre considerarase que o libro xa está na rúa. Irei dando conta do previsto para a presentación, no blog, así como vaia tendo coñecemento da mesma.

Quarta-feira, 19 de Novembro de 2008

Templo de Dionisos (Viaxe a Grecia)

...deixamos atrás o recinto das esculturas e comezamos a subir o monte que nos leva a Acrópole (moito máis grande do que semellaba de lonxe). Toda a subida é un contínuo observatorio de ruínas e restos arqueolóxicos. Á nosa dereita ollamos o Templo de Dionisos, ou o pouquísimo que queda del, vaxillas de enterramento romanos, canalizacións (supoño que tamén de orixe romano), e muros sen identificar. Ao mirar a muralla, o esplendoroso Partenón amosa a súa máis afectada cara polo paso do tempo. Seguimos avanzando...

Terça-feira, 18 de Novembro de 2008

Waltercio Caldas no CGAC

Estiven na exposición "máis lugares" ollando a obra de Waltercio Caldas; un artista brasileiro que estes días amosanos o seu xeito de entender a arte no CGAC de Compostela.
O propio artista di que a historia é a materia prima do seu traballo e demóstrao con obras iniciais tales como "A experiência Mondrian (1978)", unha peza que forma parte de colección do Museu de Arte Moderna de Sao Paulo, ou como a máis recente "Para Rilke (1992)" que pertence á colección Daros-Latinoamericana. Trátase de referencias derivadas do seu interese pola arte, mais sen sinais do citacionsimo e da parodia típicos da retórica pretendidamente contemporánea, o que desde o meu punto de vista xa é suficiente. O artista toma a remuda modernista e concepción progresista da arte reelaborando as súas producións no marco do sistema e da historia da arte. Velaquí un exemplo.

Domingo, 16 de Novembro de 2008

Cineuropa (O almorzo do poeta)

Pois sí, meus señores; eu tamén estiven no festival de cine Compostelán "Cineuropa" e, proseguindo coa miña mala sorte neste tipo de eventos, fomos ver a película "O almorzo do poeta (2008)", de Mario Iglesias González. Non será a derradeira vez que me achegue a Santiago nesta edición mais agardo que, para a vindeira, a casualidade na escolla sexa un pouquichiño mellor (comprobade que me conformo con nada).

Para acertar coa película, propóñovos:
1- Que non vaiades ao CGAC para a visión. A calidade de son imposibilita escoitar absolutamente nada que non sexa ecos e ruídos.
2- Sobre todo... non fagades o que fixen eu. Escoller ao chou non é unha boa opción.

"O almorzo do poeta": filme metade documental metade ficción sobre as experiencias dun descoñecido poeta cubano (do que non lembro o nome) expecialista en performances e... (????) as desventuras duns habitantes da illa nun certame de cantantes (????) (...).

Eu non son un especialista en cine; pero esta foi, sen lugar a dúbidas, a pior experiencia nunha sala desde fai moitos anos.

Quarta-feira, 12 de Novembro de 2008

Esculturas na Acrópole (Viaxe a Grecia)

Accedemos ao recinto da Acropole, o que non é o mesmo que acceder a Acrópole propiamente dita (lembrade que o acceso é polos Propileos). A entrada cústanos 12 euros por persoa, e inclue, a visita a outros monumentos e museos que vos iremos ofrecendo.
Unhas trinta persoas agardan diante da taquilla (algunhas excursións e estudosos da arte). Entramos. O primeiro que vemos é a xigantesca e impresionante muralla (que xa podíamos divisar desde o exterior) co (e insisto) Monumento de Thrasyllos e a capela Panagía Spiliótissa; aquí as primeiras (das moitas) malas novas da viaxe; non podemos achegarnos ao monumento coréxico, e moito menos acceder á capela encravada na rocha (unha xigantesca estructura de andamios indican que están en obras). Á nosa dereita atopamos unha pequena exposición de esculturas que (polas súas características e, corrixídeme se me trabuco) ou son copias romanas da época helenística ou simplemente figuras talladas en mármore polos escultores da civilización invasora da península itálica.
.
Deben ser as 11:00. Estas son as nosas primeiras horas en Atenas e máis semella que levamos unha semana enteira. Despois de ollar a pequena exposición, comezamos a subida (fai moita calor e deben quedar un par de quilómetros para chegar ao cume da Cidade dos deuses). Por enriba da muralla percibimos a parte superior do templo Partenón.



Aviso importante: Co gallo de protexer a intimidade das persoas que saen nas imaxes, as mesmas foron anotadas no Rexistro da Propiedade Intelectual e, de principio, NON ESTÁ AUTORIZADA a súa copia, uso e distribucción. Se precisas algúnha foto dos slides da Viaxe a Grecia solicitaa na sección comentarios deste blog, e, unha vez comprobado o uso que se lle queira dar, concederaselle a autorización de forma totalmente gratuíta. O feito de non cumplir estes requisitos pode poñer aos infractores a disposición da lei.

Segunda-feira, 10 de Novembro de 2008

Malas novas

Deixounos Camilo Gonsar, engandindo o seu nome a unha xa extensa lista de pasamentos na cultura galega neste outono. Morreu en Vigo aos 77 anos, despois dunha longa enfermidade que empeorou rapidamente nas últimas semanas.

Sábado, 8 de Novembro de 2008

Plaka, Lanterna de Lisicrates, Monumento de Thrasyllos, etc... (Viaxe a Grecia)

Tras deixar o Arco de Adriano, ascendemos polo antigo barrio romano da Plaka, lugar cheo de monumentos e cara ao que miraremos en varias ocasións ao longo da nosa expedición. O primeiro que atopamos son as estreitas rúas coas características casas de cor branco das vilas cicládicas, moreas de gatos e algún que outro resto arqueolóxico (existen por toda a cidade), neste caso columnas de orde xónico (capitel con volutas). Compre dicir que pese a antigüidade da zona da Plaka, os edificios máis vellos que conserva son da época do dominio turco sobre a cidade.

Accedemos a unha praza e atopámonos con outra das grandes obras de Atenas (o momento volve a ser tremendamente emocionante¨); diante nosa ollamos a "lanterna de Lisícrates"; monumento da época helenística adicado ao vencedor dun certame literario (único no mundo, esta é a primeira vez na que se emprega a orde coríntia nas columna exteriores (capitel con follas de acanto)). Ante a beleza da construcción, esquecida e abandonada entre edificios, agradecemos que Thomas Bruce, conde de Elgin non conseguise, pese a diversos intentos, de arrincala do seu sitio.
Seguimos adiante, e saíndo da Plaka vemos as murallas da Acrópole (por onde se entra??), damos volta e buscamos a porta de entrada. Atopamos unha que nos leva directamente ao Monumento de Thrasyllos (un dos moitos monumentos coréxicos erixidos polos promotores de obras dramáticas de éxito) e á capela Panagía Spiliótissa (encravada na rocha da cidade dos deuses). Prohibido o paso. Descendemos pola rúa e decidimos bordear o enreixado que nos impide a entrada até achar o lugar polo que acceder á residencia de Atenea Pártenos (e outros).

Quinta-feira, 6 de Novembro de 2008

Estou lendo...


Catro libros cos que estiven estes días e que non podo evitar citar:
.
-Fálame - Antón Lopo
-O Exterior - Brian W. Aldiss
-Lágrimas de ouro - Alejando Jodorowsky
-A enerxía dos escravos - Leonard Cohen

algo para sentar e pousar a ollada.

Terça-feira, 4 de Novembro de 2008

Leforos Vasilissis e Arco de Adriano (Viaxe a Grecia)

Deixando atrás a Praza Sýntagma descendemos pola Rúa Leoforos Vasilissis. Pasamos a carón das ruínas dun dos moitos "baños romanos" que aínda se conservan en Atenas. Decidimos non fotografialos e pasar de largo (haberá outros días). Son grandes as gañas de chegar á Acrópole. Cando dan as 9:00 da mañá divisamos ao lonxe o que parece unha porta. Case sen agardalo dámos de fronte co Arco de Adriano. A visión do monumento entre o tráfico converte o intre nun dos máis emocionantes da viaxe (polo inesperado da aparición e por ser "un dos grandes" a observar).

Segunda-feira, 3 de Novembro de 2008

A verdade sobre as mentiras dos medios informativos españois

Todos los imperios tienen su fin; se acabó el imperio romano, se acabó el imperio inglés, se acabó el imperio español... (Hugo Chavez)

Sexta-feira, 31 de Outubro de 2008

Plateía Sintágmatos (Viaxe a Grecia)

Subindo pola Rúa El. Venizelou, este ven dar a unha das prazas máis representativas de Atenas; trátase da Praza da Constitución ou o que é o mesmo "Plateía Sintágmatos"; un lugar cheo de vida e sinalado nas guías turísticas polo famoso "cambío de guardia" diante do monumento ao Soldado descoñecido.
No noso primeiro día de expedición achamos ducias de quioscos que venden "de todo" (desde carteiras, auga (nero), caramelos, etc. até revistas e libros), pequenos postos con golosinas e "roscas de pan" (pan miudo con semente de sésamo).
No frente da praza atopamos o edificio Voulí onde está o Parlamento grego máis o mencionado monumento ao Soldado descoñecido, cun relevo dun soldado hoplita desfalecido. O monumento ten aos lados textos da oración fúnebre de Pericles.
Deixovos uns minutos fotográficos para que olledes ao voso arredor; non vos perdades os movementos dos "évzones" no intre de mudar o turno. Son as 8:00 da mañá e semella facer bo día. Axiña comezaremos unha apaixoante viaxe pola cidade soterrada. Por certo; a das fotos volve a ser Blan.

Quinta-feira, 30 de Outubro de 2008

San finx e Guerra civil

Duas anécdotas teño dos mineiros de San Finx (case todos afiliados á CNT), na Guerra Civil Española (ou como derrotar á esquerda cando esta gaña democráticamente as eleccións).
Unha delas fai referéncia á miña bisavoa no 36, cando, despois de ter pasado polo barrio noiés de San Bernardo, chegou toda asustada a Vilacoba (Lousame) onde vivía, relatando que na igrexa do lugar estaban sacando os santos e prendéndolles lume no adro. Soubose máis tarde que foran os mineiros de San Finx horas despois do golpe fascista. Nos seguintes días serían fusilados en Santiago de Compostela e na Coruña.
Outra das anécdotas aconteceume hoxe mesmo cando, despois de estar falando un bo anaco cun home de 91 anos, este deixou caer na conversa que el fora un dos escapados a Portugal por ser membro anarquista da Mina de San Finx. Despois de 12 anos fuxido collérono e deportárono a Salvaterra do Miño onde, un dos Guardia Civiles o deixou fuxir simulando que lle disparaba apuntando ao chan.
Non podo evitar emocionarme ante estes acontecementos. A este home ninguén o recoñece, nin como víctima, nin como heroe e, aínda sabendo que nunca poderá ler estas liñas, non podo facer menos que mencionalo aquí. Saude compañeiro!!

Terça-feira, 28 de Outubro de 2008

EL. Venizelou, igrexas e máis contos (Viaxe a Grecia)

Saúdos. Co gallo de que me acompañedes neste percorrido pola cidade de Atenas atopei un plano que vos facilito picando aquí. Neste plano do norte da cidade podedes ollar o hotel onde estamos aloxados (na Praza Kaningos) e a rúa Panepistimiou (arriba á dereita), onde se sitúan os edificios que puidemos ver nunha anterior entrada.
Ao deixar atrás o neoclasicismo da Biblioteca nacional, Universidade e Academia de Atenas, desviamos as meniñas cara unha igrexa ortodoxa(bizantina ??) situada na rúa EL. Venizelou, a Catedral Católica San Dionisio e un edificio con portico columnado. Ao lonxe, nun cruce ollamos o Museo de historia de Atenas con Theodoro Kolokotroni cabalgando ao frente. Intento sacarlle unha foto e un autocar interponse no camiño. Intentoo de novo. Son as 7:00 e, aínda que é cedo a cidade xa está demasiado esperta para o turista recen chegado. Ducias de adolescentes acoden a clase coa carpeta embaixo do brazo e o tráfico absolutamente caótico (o máis caótico de toda Europa) acende os motores. Queda aínda lonxe a urbe de cores, pedra e historia.


Sexta-feira, 24 de Outubro de 2008

Sorpresa!!

Acabo de enterarme agora mesmo e por casualidade (remexendo polo google en internet) de que o meu libro Antítese nativa xa está na rúa desde o 14 de Outubro!!!! e que incluso se fixo unha presentación do mesmo!!!! Para ollar a nova saída na prensa picar embaixo nos enlazos (...y que alguien me lo explique, por favor):

Biblioteca, Universidade e Academia (viaxe a Grecia)

O primeiro día puxemos o reloxo espertador ás 6:00 (5:00 hora galega), saímos do hotel e tomamos rumbo directamente (e sen pensalo dúas veces) á Acropole. Polo camiño topámonos cos tres edificios que xa víramos o día anterior (día da chegada), e non pudemos evitar fotografiarmonos (a Blan e mais eu) no medio de pombas, columnas frontóns, escaleiras e xardíns.
No slide podedes ollar fotos tomadas na Biblioteca, na Universidade e na Academia de Atenas. Estas tres fermosísimas construccións son de estilo neoclásico; a primeira de columnas dóricas (ao estilo dun templo grego) e as outras dúas con columnas de capitel xónico.


Aviso importante: Co gallo de protexer a intimidade das persoas que saen nas imaxes, as mesmas foron anotadas no Rexistro da Propiedade Intelectual e, de principio, NON ESTÁ AUTORIZADA a súa copia, uso e distribucción. Se precisas algúnha foto dos slides da Viaxe a Grecia solicitaa na sección comentarios deste blog, e, unha vez comprobado o uso que se lle queira dar, concederaselle a autorización de forma totalmente gratuíta. O feito de non cumplir estes requisitos pode poñer aos infractores a disposición da lei.

Quarta-feira, 22 de Outubro de 2008

O regreso a Ítaca

Moi boas!! Despois de tropecentas horas entre aeroportos e avións, cheguei onte pola noite a Compostela e hoxe, como non podía ser menos, atópome diante do teclado con inmensas gañas de presumir e relatar os aconteceres da viaxe a Grecia que me levou, xunto coa miña parella, por diversos lugares de Atenas e arredores.
Abro unha nova sección no blog na que irei contando xornada a xornada, monumento a monumento, foto a foto... todo o vivido nestes días, para o enriquecemento persoal do que aquí, emocionado, escribe.


O voo correspondente ao traxecto Santiago-Madrid-Atenas leva aproximadamente unhas catro horas e media, ao que compre engadirlle o tempo de espera nos aeroportos. No noso caso a chegada a destino foi ás 18:00 e, unha hora despois estabamos diante da fermosísima Universidade da cidade de Atenas da que vos deixo esta fotografía.
.
Notas: pendente de colgar o slide de fotografías referentes á Universidade de Atenas, xunto co comentario, e detalles da obra arquitectónica. Picar na foto para vela en maior tamaño. Este blog actualizarase diariamente.

Sábado, 11 de Outubro de 2008

...despegando

En poucas horas estarei sobrevoando o Mar Mediterraneo con destino á cidade da deusa Atenea Pártenos. Como é lóxico este blog estará parado, e sen actualizar, durante aproximadamente dez días, polo que a renovación diaria de entradas e comentarios, pola miña parte, ficará ausente ao longo de todo este tempo.
Regresarei con fotografías, experiencias tal Ulises, e moitas ampolas no fondo dos pes... o día 23 deste presente més.
Entrementres; supoño que o Antítese nativa sairá do prelo; polo que procedo a facer o agasallo dun exemplar a todos os que deixedes (na sección comentarios da entrada actual), o voso pseudónimo e enlazo ao blog do que sodes autores (de non dispoñer de blog, deixar correo electrónico) indicando que solicitades o libro.

Nota 1: No caso, de que existan máis de 15 solicitudes para o libro, farase un sorteo até repartir esta cantidade.
Nota 2: O feito de deixar o pseudónimo co enderezo do blog ou e-mail serve para a reserva do exemplar. Más adiante, por medio de correo electrónico, será preciso facilitar o nome real e un enderezo postal, para facer efectivo o envío.

Sexta-feira, 10 de Outubro de 2008

Premio Nobel

-Este ano o Premio Nobel de Literatura 2008 recaeu nas letras francesas por medio do escritor Jean-Marie G. Le Clézio. En galego temos a posibilidade de ler "Mondo e outras historias" que, entre moitos outros sitios, pode mercarse picando aquí.

Quarta-feira, 8 de Outubro de 2008

...polo Forno do rato (era hora)

Hoxe erguinme coas follas do xornal na feliz nova de que o Concello de Noia dá un "ultimatum" aos propietarios do Pazo Forno do rato (s. XV), para a reparación das deficiencias que están a botar abaixo o edificio. Nunca é tarde entrementres a obra de arte non sexa unha morea de pedras. Teñen os señores o prazo de dous meses se non queren recibir unha "insuficiente multa de 6000 euros" (a pesares de todo). Eis unha foto da construcción situada na vila de Noia. Picando aquí podedes ler a noticia saída na prensa

Terça-feira, 7 de Outubro de 2008

...doutras bitácoras

Interesantísimo artigo sobre as línguas existentes no estado español da man de Moncho Pais (en total contabilízanse nove (entendendo que o o Galego e o Português son un mesmo idioma), dez segundo o Ramón que opta por separar as falas das dúas beiras do Miño). Non deixedes de botarlle un ollo picandó aquí.
.
...e despois non esquezas asinar o manifesto:

Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego

Sábado, 4 de Outubro de 2008

...manipulación

Onte puiden ver, mentres tomaba un café cos amigos do Colectivo Sacou, un documental sobre a prostitución en Cuba. Recoñezo que os diálogos dos entrevistados nese "traballo de investigación", non se podían escoitar debido ao ruído existente nese intre na cafetería a onde, por casualidade, acudiramos para falar mais, podiamolos ler xa que había subtítulos.

O caso; as imaxes eran recurrentes: aparecía un plano con tres mulleres xoves cubanas facendo "top-less" nunha piscina. Acto seguido imaxenes dun colexio de Habana con nenas de 8-9 anos (estudando ou subindo as escaleiras dun colexio) e, a continuación, escenas de Fidel Castro.
Con todo isto o grande investigador tentaba demostrar que en Cuba existe a prostitución infantil.

Polo que se apreciou; tamén entrevistaron a tres mozas cubanas (descoñezo se as mesmas do "top-less" que afirmaban ter 14, 15 e 16 anos (a simple vista poderían andar as tres entre os 15 e os 22 anos), e que dicían ser prostitutas.

É indiscutibel que en Cuba hai prostitución (como tamén a hai en Galiza, Estados Unidos ou no estado español, por poñer un exemplo). É probabel que, incluso, exista algún caso de prostitución infantil na Illa (aínda que é obrigatorio que os nenos anden sempre acompañados), tal e como pasa en Franza, Estados Unidos, Rusia ou Italia, por poñer outro exemplo (non fai unha semana en que a policía española detivo a 121 individuos por este motivo).
.
Sexa como for; relacionar imaxes de prostitutas con imaxes de nenas en colexios e de Fidel Castro non é do máis honrado por parte dos reporteiros de tan apreciada canle. Imaxínen vostedes que se fai un documental sobre a prostitución no estado español, e colan escenas en institutos e colexios que nada teñen que ver e, por suposto, con imaxes do rei español ou do presidente do goberno...

A todo isto quedo coas palabras dun amigo que estaba con nós: quixera saber canto lle pagaron a esas rapazas para que dixeran o que xa estaba preparado de anteman. Eu persoalmente, non creo senon que, estou completamente seguro de que en Cuba non existe prostitución infantil, algo que si pasaría (e disto tamén estou seguro) no caso de que o Rexime Democrático Cubano propiciado por Fidel Castro mudase para unha "democracia" de corte capitalista (Rusia está ahí para demostralo)

Un saúdo e desculpen o cabreo.

Sexta-feira, 3 de Outubro de 2008

...lendo aos clásicos gregos

Faltan só 10 días para que a viaxe á capital da cultura occidental se faga efectiva. Estas noites leo entre saba e colchón ao Premio Nobel Giórgos Seféris.

Quarta-feira, 1 de Outubro de 2008

Recomendando unha exposición

Até o día 12 de Outubro deste ano 2008 podedes visitar "La moda 1839-1980"; unha exposición que nos sitúa nun contexto social determinado; o progreso e desenrolo vese reflexado non somentes na indumentaria, sapatos, peiteado etc... senon nas actitudes e posados diante da cámara. Se a temática non ten grande interés (cousa que nin digo nin contradigo), garda un fondo curioso intrahistórico, xa que o que podemos ollar son fotografías prestadas por particulares. Somentes para quen goste, coma min, das postais e imaxes antigas. Na biblioteca de Caja Madrid en Rúa Casas Reais, 14, Santiago de Compostela.
A foto que aquí vedes; a mellor sen dúbida.

Terça-feira, 30 de Setembro de 2008

...memeando


Ao final puidechedes coa miña propia vontade.
Ante a fervorosa petición de que responda ao "meme" que chega do camiño de Manolo do Río e Carlos Sousa, procedo:

A cuestión e comentar un pouquiño, se che dixesen que hoxe é o último día que nos queda por vivir:

.

.
-Que canción che gustaría escoitar? Sen dúbida: Hey hey my my (rock and roll will never die) de Neil Young
-A que libro lle botarías un ollo? Posibelmente ao Apocalipse ( e nin o digo de retranca nin aproveitando a conxuntura).
-Con quen che gustaría falar? Gustaría poder falar con moitos (preferibelmente cos meus inimigos)
-Que gostarías comer? A pasta con salsa de champiñóns (é unha cuestión emotiva).
-Que farías e que che queda pendente por facer? Supoño que tentaría pasar o tempo que resta coa xente querida (con todos). No de pendente por facer prefiro ficar calado. Non vaia ser que chegue a miña oportunidade e me estraguedes o plan. (algunha outra pergunta?)

Unha forte aperta (pásolle o relevo a Moncho Pais, Paideleo e Suso Lista).

Domingo, 28 de Setembro de 2008

...faga historia ...arrase un castro

Mentres os xacementos arqueolóxicos galegos desaparecen ora pola deixadez institucional ora pola destrucción turística, os nosos gobernantes marcan "frechas" indicando os sitios onde "veranear" estragando o patrimonio. Certas novas póñenme de neura.
As visitas a monumentos dan a coñecer a cultura, historia e identidade dunha terra ou civilización o cal, de por sí, non é negativo. O mal uso (subíndo ás murallas, sentándose nos restos, camiñando por riba do que queda dos edificios, etc...) de calquer tipo de xacemento provoca a rápida desaparición do mesmo. Non se pode promocionar un castro en canto este non estea COMPLETAMENTE VALLADO e VIXIADO POR AUTORIDADES de tal xeito que os turistas e visitantes podan ver pero non tocar. Se alguén ten algunha dúbida que se centre na imaxe que aquí mesmo se lle ofrece.
Por certo; isto é o Castro de Baroña no Concello do Porto do Son un día de verán.

Sábado, 27 de Setembro de 2008

...nova saída

Coas chuvias de verán foi imposibel que a banda dos asaltantes ao monte aventurase as naves a través dos toxos e fieitos por certos camiños (estraños e ocultos).

Hoxe será o día. A terceira visita á nai natureza que amosa os seus vestidos de liño nas noites máis claras. A mestura de astronomía, sendeiro e paixon darase hoxe sábado a partires das 00:00 horas. Picando aquí podedes ollar un slide coas fotografías da anterior escapada. Quen se apunta?

Sexta-feira, 26 de Setembro de 2008

...mudando de congostra

Acabo de paralizar a lectura de todos e cada un dos libros cos que estaba estes días. A decisión final que achegarme até Atenas en Grecia, lévame a mudar de obxectivos no que ás letras se refire. Despois de ler a guía de "Anaya Touring club" sobre o país a visitar, comezo coa de "El país aguilar" e cun interesante libro de historia sobre o goberno de Pericles, cuxo autor é Cecil Maurice Bowra.
Tamén ando a remexer na miña biblioteca persoal na procura dos vellos volumes de arte que, se é algo do que xa gardo considerabel coñecemento (a Acrópole, arquitectura e escultura grega) nunca é tan grande o saco como para poder enchelo. Outros restos arqueolóxicos como os romanos, ou os bizantinos estarán entre as glorias a conquistar. Enfin... xa vos irei contando.

Quinta-feira, 25 de Setembro de 2008

A nova literatura de México

Visións do Anáhuac

"Heriberto Yépez, Alberto Chimal e Álvaro Enrigue: tres autores, tres marcos para unha achega á literatura fantástica mexicana actual" , así é como se titula o artigo de Roberto Abuín que sae no último número do suplemento de Tempos Novos; Protexta. Remítovos á paxina 26 da publicación que podedes ler picando aquí e na que sae o escrito do amigo en cuestión.

Quarta-feira, 24 de Setembro de 2008

Eduardo Estevez VS Xavier Lama

A verdade é que literatura galega xa será o boa ou mala que cada quen considere pero, desde logo, o que non se pode negar é que o "mundo" literario galego é ben entretido (picar para seguir lendo)

Terça-feira, 23 de Setembro de 2008

música

Está claro, e seguindo un vello dito, que pode que non estean todos os que son, pero si son todos os que están (polo menos neste vídeo musical).
...e nembargantes, grazas ao blog de Alberte Moman o outro día coñecín esta outra versión en xaponés. O grupo chámase Magokoro Brothers:


Luís de Vicente e reintegracionismo

Sigo apresentando a todos e cada un dos colaboradores do "proxecto Antítese Cd".
Desta volta tócalle o turno a Luís de Vicente, baixista clásico, que interpretará unha ou dúas pezas para o disco.
,
Velaquí unha fotografía súa (primeiro pola esquerda) acompañado de José Sóñora, María Sacido, Manolo do Río e eu mesmo.
,
Noutra orde de cousas non podo evitar amosar a ledicia polas declaracións de Antonia Luna, profesora de Idioma Galego en Buenos Aires, e viciña da localidade que me viu nacer e da que estou moi orgulloso de habitar (A Noia que reside a carón do Atlántico, entre serra e serra).

"Eu non o verei, pero o reintegracionismo vai prender" (picar para entrar). Non deixedes de ollar o video. Saúdos dun outono que aínda está por vir.

Sexta-feira, 19 de Setembro de 2008

Señor Steiner:

Definitivamente a este home faltalle unha fervedura.

«O meu
comentario irreflexivo foi unha resposta ao chovinismo rexional que ameaza agora a unidade de España. Pido as miñas máis sinceras desculpas» (picar)

--"chovinismo rexional"??? Anda y que te zurzan Sr Steiner!!

Quinta-feira, 18 de Setembro de 2008

II festa da vitalla

Recibín unha carta da Asociación cultural Terra de Outes, á cal pertenzo, na que se informa que este vindeiro domingo, día 21 de Setembro, vaise celebrar a II Festa da Vitalla na Serra.
Xa que a festa se fai no souto que hai detrás da Casa da Cultura da localidade en cuestión, convídase a todo o que queira asistir alí mesmo ás 14:00 horas. Haberá un espazo reservado con mesas para xantar comodamente. Cada quen deberá levar comida e bebida.
.
(Vitalla ou Vitualla: Chámase aos víveres en abundancia)

Terça-feira, 16 de Setembro de 2008

A sombra da historia

Vivimos rodeados de imaxes, noticias e datos que configuran un enorme universo arquivístico e, a diferenza do que sucedía no pasado, os arquivos actuais dificilmente poderían ser borrados ou eliminados co fin de promover ou divulgar unha determinada versión do mundo ou da historia.
Con todo, estas novas modalidades de arquivo entrañan a dificultade de exceso de relativismo o que nos obriga a unha codificación perceptiva desviada da propia natureza do arquivo ou compilación de datos; mais... que é senon a arte??

Artistas como Joan Fontcuberta, Hanne Darboven, Xavier Ribas, Carlos Pazos, Jorge Barbi ou Dora García, por poñer un exemplo, abordan algúns dos conflítos, os escenarios e as estratexias de control que caracterizan un contorno tecnolóxido dixital no cal a aplicación dos criterios universais propios do paradigma moderno quedou obsoleta.

Para comprobalo; o mellor é facer o que o piloto desta nave. Achegarse ao Centro Galego de Arte Contemporánea e dar unha volta pola exposición "A sombra da historia"

Sexta-feira, 12 de Setembro de 2008

Alejo Carpentier

Co gallo da viaxe que fixen á cidade de Habana fai agora tres anos; propúxenme ler parte dos seus escritores máis recoñecidos. Acompañado de Manolo do Río e Ramón Blanco atracamos a nave en Santiago de Compostela e, como recompensa do asalto, fixémonos con tres importantes tesouros: por un lado a poesía de Nicolás Guillén e de Martí, e polo outro a prosa de Alejo Carpentier, máis en concreto "Los pasos perdidos". Sobre esta novela quero hoxe dicir unhas palabras, ao ser esta unha coas que máis me sinto influenciado e, non deixa de ser (por outra parte) documento bíblico de saídas, tanto nocturnas como diurnas, pola "floresta acorde" que xira en torno a nós.

...un músico, cuxa vida esvara entre os enganos e os falsos valores da civilización, comeza unha viaxe polo interior da selva sudamericana na procura duns primitivos instrumentos musicais
aborixes. En contacto coa natureza virxe e cos seres que viven nunha existencia bastante elemental, vese retrotraído ao pasado e ao mesmo tempo cre renacer, e sinte renovada a súa capacidade para darlle uso a certas facultades, como a facultade de amar, por exemplo. Esquecéndose da súa irritabel done e desfacéndose dunha amante en decadéncia e pervertida, acepta o amor íntegro e sinxelo que lle ofrece Rosario, unha morena que se amosa a sí mesma, expresando a súa entrega, "A túa muller". Aínda así non logra cortar tan axiña as cadeas que o atan ao mundo "civilizado". Velaquí un anaquiño (picar)

Quinta-feira, 11 de Setembro de 2008

...das últimas horas.

...ao final o "acelerador de partículas" nin puido acabar co ser humano nin moito menos co universo; algo que estes días atrás se debatía, con media retranca, nalgúns blogs que habitualmente visito. Mentres acudo a unha exposición de Beatriz Blanco no Ferlós Café en Bertamiráns; Jan van Eyck visita a miña casa e por tanto esta nave. Os funcionarios perden a miña ficha na biblioteca e sancionanme durante 3 meses por non devolver un libro a tempo (ese mesmo libro que, efectivamente, xa entregara fai aproximadamente 50 días, e que na actualidade está perfectamente colocado na estantería da biblioteca en cuestión).

Noutra orde de cousas; "A rocha dos proscritos" de Ramiro Fonte e "As palabras furtivas" de Pedro Rielo fican na mesa de traballo (lectura), e eu preparo as malas para aínda non sei onde.


Por certo (e acábome de enterar); Carlos Negro é o vencedor do I Certame de poesía Victoriano Taibo.

Terça-feira, 9 de Setembro de 2008

Borja C. Costa


Ven de estrearse a curtametraxe "Plaza vacante"; algo que, sen lugar a dúbidas, pasaría completamente desapercibido para min, de non saber que o encargado da banda sonora é o amigo Borja C. Costa,, artista de quen xa falara noutra ocasión ao non poder estár no proxecto "Antítese nativa", por problemas cunha entidade de xestión sobre a propiedade intelectual. O estreo sei que foi un grande éxito. Desde este lado da rede non podo menos que felicitarte, Borja; moitos parabéns.

Velaquí vos deixo o trailer e máis unha cartaz da curta en cuestión.


Sexta-feira, 5 de Setembro de 2008

Curso de verán

Onte tiven o pracer de falar con Inés Coiradas; unha das participantes no libro de relatos "Mañá de sábado", e que está asistindo aquí en Noia a un Curso de verán da USC sobre Antón Avilés de Taramancos.

Lembro un acontecemento neste mesmo curso fará aproximadamente un par de anos, no que Manolo do Río (Colectivo Sacou) tivo un interesante debate con Xosé Luís Mendez Ferrín sobre a cultura árabe e a súa vertente relixiosa (islam), na que Manolo defendía a toleráncia e Ferrín insistía que el era dos Bereberes e que o Islam, como todas as relixións, non deixaba de ser unha forma máis de represión para con o pobo. Todo rematou (finalmente) con vivas a Sadan Husein ante a sorpresa do conferenciante, que tras da mesa somentes intentaba dar conta dos prexuizos que en occidente se tiñan sobre as crenzas do mundo islámico.

Eu estiven alí para velo. Este foi un acontecemento (que sen deixar de ser, certamente, surrealista) pasou ao meu diario de anécdotas a contar para cando sexa avó. Iso sí; O Sacouso quedou como un "valente" diante de todo o público asistente. Agardo que o amigo Fravernero me desculpe a entrada pero "non puiden reter o pranto" nostálxico mentres Inés me falaba do aburrido que estaba sendo o curso este ano.

Boas treboadas de outono.

Terça-feira, 2 de Setembro de 2008

...dos colaboradores

Nunca é tarde... se a morte non chega antes. Acabo de recibir a grata chamada da editora comunicandome que o libro xa se atopa na fase final (ou sexa; que se empeza a imprimir), e, que temos tres ou catro "pequenos" problemas con non sei que formato PDF, debuxo de ilustración, ISBN, Rexistro da propiedade intelectual, etc.

Como non quero lidiar máis con funcionarios (compre lembrar que a primeira vez que a obra se rexistrou veu co título mais co nome do autor cambiado; na segunda ocasión recibín o rexistro dunha obra que non era miña), deixolle a laboura do ISBN á editora en cuestión.


Polo demais, teño que agradecer o traballo desinteresado de Iago Urgorri, como técnico informático, para o boceto en PDF e programa de uso libre, do que será o libro.
Finalmente confirmo que a proposta de portada do poemario que aquí mesmo vedes, e que é da autoría de María José Madamás Álvarez, foi aceptada pola Fundación Amigos de Galicia; polo que axiña se poderá ver nas estanterías de librarías e biblitotecas. Unha aperta a todos e obrigadiño.

Sábado, 30 de Agosto de 2008

Non ao canon nas bibliotecas

Sexta-feira, 29 de Agosto de 2008

África

Este continente está feito de tradicións, de guerras entre tribos, de violencia, de pobreza, de cataclismos. Pero tamén é o marco de grandes paisaxes que non parecen ter fin, montañas, chairas e desertos habitados por unha biodiversidade insospeitadamente variada, animais salvaxes, prantas acestrais e comunidades humanas que aínda viven noutra época.

Hoxe saco do meu caixon o tríptico que recollín na exposición fotográfica de Sebastiao Salgado sob